Novo triunfo por esmagamento dun Inelsa Solar Asmubal Meaño expeditivo tras o descanso (37-24)

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

As de Juan Manuel Costas pasaron de ir 17-18 abaixo no paso intermedio por vestiarios a non concederlle ao Porriño B máis de seis tantos na segunda metade

15 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Cuarto partido de Liga de División de Honor Plata Femenina 2024/25 e cuarto triunfo por esmagamento do Inelsa Solar Asmubal Meaño. Como dúas semanas atrás ante o Getasur, o conxunto que dirixe Juan Manuel Costas non deu opción a un rival aparentemente solvente como semellaba ser desta volta o Rubensa Indupor BM Porriño. O filial do conxunto galego de Liga Iberdrola chegaba ao Pavillón Coirón Dena terceiro clasificado con 5 dos 6 puntos en xogo e como un dos tres equipos inda invictos, marchando cun 37-24 en contra.

Certo é, o Porriño B deulle moita guerra ao Asmubal durante a primeira parte. Ata o punto de chegar ao descanso por diante cun axustado 17-18. O cadro local anotaba con facilidade, pero en defensa estaba a pagar os desaxustes no centro da súa 6-0 derivados dos problemas no ombreiro esquerdo que arrastraba Cárol Ferreira desde o xoves. Un lastre que o filial porriñés espremeu no seu xogo co pivote e nos cambios entre as súas atacantes na parte frontal da portería defendida por Guadalupe Larralde.

Costas optou entón por desprazar a Cárol Ferreira na composición da zaga á volta de vestiarios e ir alternando a Laura Miniño e a Danilza Liranzo como parella dese seguro de vida chamada Vanesa Domínguez. E as luces do Porriño B apagáronse e súpeto. De anotar con facilidade, o equipo visitante atopouse cun bloque de formigón no 6-0 local, reforzado na portería por unha, outra semana máis, soberbia Guadalupe Larralde.

Máis líder inda

Deste xeito, o Asmubal Meaño puido engadir o contragolpe como arma ao seu xa potente arsenal de recursos ofensivos, mentres na súa área reducía a produción anotadora do Porriño B dos 18 goles da primeira parte a tan só 6 na segunda. Incluíndo máis de vinte minutos sen deixar marcar o seu opoñente.

Con este resultado, o Inelsa Solar Asmubal Meaño reafírmase no alto da clasificación do Grupo A da División de Honor Plata Femenina con 8 puntos de 8 posibles e o Balonmano Gijón como único rival quen de manterlle o ritmo, coa mesma tarxeta na clasificación.

FICHA DO PARTIDO:

INELSA SOLAR ASMUBAL MEAÑO (37): Guadalupe Larralde, Paula Rey (4), Danilza Liranzo (6), Eli Méndez (8), Laura Miniño (5), María Currás e Cárol Ferreira (6) —septeto titular—; Sofía Arangio (5), Andrea Cores (2), Agustina Ballada, Luna Otero, Vanesa Domínguez e Shaila Fernández (1). 

RUBENSA INDUPOR BM PORRIÑO (24): Inmaculada García-Navas, Claudia Kaulback, Athenea Barreiro (3), Paula Cortiñas, Aroa Fernández (7), Andrea Fernández (3) e Marta Martínez (1) —septeto titular—; Mara Lago, Iria Benaches (3), Uxía Campos (1), Uxía González (3), Isis Moreno (1), Laura Raimúndez (1), Ana Isabel Gil, Carla Baltasar (1) e Lucía Castiñeira. 

MARCADOR CADA CINCO MINUTOS: 2-2, 7-4, 9-8, 11-12, 14-13, 17-18 (descanso); 20-19, 24-21, 28-21, 31-21, 34-21 e 37-24.

ÁRBITROS E EXCLUSIÓNS: Julio Villanueva e Pablo Torreiro. Castigaron con dous minutos as xogadoras locais Cárol Ferreira (min 8.49), Agustina Ballada (21.25), Laura Miniño (45.04) e Vanesa Domínguez (47.41) e as visitantes Aroa Fernández (min 33.37 e 40.03), Athenea Barreiro (36.25) e Iria Benaches (52.13).