O grupo vilagarcián debuta este ano co seu álbum «Supernova» e leva dous meses sacando os temas que conforman un disco no que fusionan músicas anglosaxonas e galegas
16 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O talento está no aire, e nunca mellor dito. Especialmente en Vilagarcía, cidade na que tanto a pintura coma o cinema e agora, a música, emerxen con forza. Os Imperfectos é unha banda que, como afirman, naceu da boa química coa que saían aos escenarios. Pero, antes de nada, cómpre explicar quen son; Juan Carballo, Pedro Falcón e Álvaro Cardalda compoñen un trío que leva desde o ano 2017 enriba da táboas. Por iso e pola boa acollida que tiveron dende o primeiro momento por parte do público foi que xurdiu a idea de xuntarse e lanzar o seu primeiro traballo. «Isto comezou coa presentación de Asuntos Pendentes, que derivou nun Juan Carballo ao vivo, que era a continuación da xira do libro e que, como viñamos de estar xuntos, decidimos continuar facendo concertos simplemente, e ir evolucionando sen ningunha idea de facer un disco. Estabamos facendo concertos, tiñamos posibilidades porque gustara o proxecto e dixemos: pois xa que gusta, seguimos», afirma o vogal do grupo, Juan Carballo.
Desa continuación da xira do poeta en solitario foi que xurdiu esa química que tan alegremente evocan ao falar dos inicios da imperfección: «Ese traballo de Juan derivou en varias xiras que fixemos ao longo de Portugal co seu repertorio e con cousas que iamos nós facendo máis nosas. Pero, realmente, Os Imperfectos, e quero dicir como grupo, o primeiro traballo que imos publicar é este, Supernova», fala Pedro Falcón, o guitarrista.
Facendo unha reflexión acerca do que os diferenza do resto de bandas de Arousa, os tres están de acordo en varios asuntos, especialmente no referente á poesía: «É curioso porque ti, cando pensas ou ves nun cartel o que vas escoitar, tendes a crer que o que ouvirás é unha especie de colchón musical mentres unha persoa, nun ambiente máis teatral, recita», manifesta Pedro Falcón, deixando claro que «dalgunha maneira nós mastigamos ao poeta e o poeta mastiga os nosos acordes. O poeta é un instrumento máis». Neste aspecto, á agrupación gústalle a máxima de que «esta vez o rock pono un poeta» para definir o frontman dos Imperfectos.
O galego como cabeceira
Sobre o uso do galego na súa música tampouco houbo discusións. Juan quen leva unha longa tradición de xiras en solitario e de espectáculos en grupo, fala do galego como unha lingua universal. «Eu, por exemplo, non sei sentir noutra lingua. Se quero a unha persoa, quéroa en galego. Se lle vou dicir a meu neno que vaia para cama, voullo dicir en galego», resolve Carballo.
Álvaro Cardalda, o teclista e voz dos Imperfectos, rememora o momento de poñerlle nome ao grupo cunha frase que o resume moi ben: «Gostamos da imperfección». Tres son os motivos que o poeta refire para o nome, partindo do principal: unha devoción polo seu músico preferido, Manolo Tarancón —co que tamén estivo enriba dos escenarios—, quen conta cun disco alcumado Imperfectos. A segunda razón ten que ver con que «a miña poesía tamén é imperfecta», ao igual que «nós os tres somos cada un da súa nai e somos moi distintos», conclúe.
E de tan diferentes que son entre si, todos teñen unha lembranza distinta cando se lles pregunta polo concerto ou momento favorito na historia do grupo. Álvaro recorda un show que deron na sala Riquela, en Santiago de Compostela: «Chegamos alí sen ningunha expectativa e a sala estaba practicamente chea. Saíron con moi bo sabor de boca», engade. Pedro fala da reacción foránea respecto do galego como a parte máis especial do que fan pois, tal e como afirma, é moi bonito ver como a xente de fóra escoita o idioma e enténdeo sen problemas. Nesta liña, o poeta achega a mesma opinión: «Demostrouse nas nosas xiras que daba igual tocar en Oviedo que en Lisboa a onde iamos coa nosa lingua sen mudar nada».
Colaboracións
O proceso creativo de elaborar unha canción é custodiado por todos os membros, mais hai momentos nos que o poeta ten tempo para si, aproveitando para facer algunha xira en solitario namentres os seus compañeiros pulen ou, ironicamente, perfeccionan o que vai resultando da fusión de música, voz e poesía. Algo así pasou co seu último single, Hai Algo Máxico, e no que lembran con especial agarimo a participación de Manolo Dopico: «O disco gravouse, mesturouse, masterizouse e produciuse nas instalacións de A Casiña, cunha persoa moi especial no proceso de gravación, porque si que é certo que, como o disco está feito a man, sempre falta esa terceira persoa que adoita ser a que desatasca algunha situación», comenta Pedro.
Destacando a participación de Diego Falcón na creación do videoclip, ademais de agradecendo a presenza da actriz carrilexa Carla Rivas como protagonista, esta banda de imperfectos espera rematar a rolda de estreas para facer, como di Álvaro, «o que nos gusta de verdade», que é facer concertos, sen perder as esperanzas de soar nas mellores radios de toda España.