Teatro, conferencias e andainas literarias dan forma á Semana da Cultura de Valle Inclán
AROUSA
O xenial dramaturgo protagoniza a programación das últimas semanas de outubro en Vilanova
19 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Durante as dúas últimas semanas deste mes de outubro, Vilanova volverá a sacar brillo á figura de Valle Inclán. O Concello, coa axuda da Deputación, da Xunta e de Amigos de Valle, vén de dar a coñecer o programa da Semana da Cultura que, coma todos os anos, xira arredor da obra, do talento e da figura do seu gran autor.
Asegura Gonzalo Durán que as actividades vanse espallar por toda a vila, conquistando novos espazos. Así, o programa despregarase tanto no Cuadrante, como na igrexa da Pastoriza ou na Rúa Nova. Neses espazos, tan relacionados coa figura de Valle Inclán, haberá teatro «para nenos e non tan nenos»; haberá visitas dramatizadas; lecturas públicas das obras do pai do esperpento, recitais de poesía, andainas literarias, conferencias, ofrendas florais...
No amplo a variado programa de actos destaca a xornada do sábado 26 de outubro, cando se concentrarán algúns dos actos organizados por Amigos de Valle. Ese día presentarase un novo número da revista Cuadrante, haberá conferencias e pola noite, trala proxección da película Divinas Palabras, de José Luis García Sánchez, procederase a facerlle entrega do premio Séptimo Miau a Juan Echanove, que levou un premio Goya no ano 1987 polo papel que tivo naquel filme.
Este será o prato forte da Semana da Cultura en Vilanova. Pero a lista de propostas é enorme, e o Concello confía en captar o interese do público.