Da Semana do Desarme e da risa frouxa

AROUSA

MONICA IRAGO

Agora mesmo estráganse en armas por cada ser humano douscentos noventa euros

20 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O gasto en armamento no mundo anda arredor dos tres billóns de dólares, tal como nos di o Instituto Internacional de Estocolmo para a Investigación da Paz, en aumento coa invasión de Ucraína e coas masacres en Israel, Palestina e Líbano, sen esquecérmonos das demais guerras e das tensións bélicas e pre-bélicas en África, Asia, Oceanía e no resto de Oriente Próximo. Nesta situación a maioría dos Estados priorizan o gasto militar. Agora mesmo estráganse en armas por cada ser humano douscentos noventa euros. O 61% do gasto faise en Estados Unidos, China, Rusia, India e Arabia Saudí; encabeza Norteamérica. Ucraína destina o 58% do seu gasto público a defensa e recibiu doutros países, que se coñeza, trinta e nove mil millóns de dólares na súa maioría en armas. En consumo per cápita o record teno Israel con case tres mil euros, seguido de cerca por EEUU.

Das cen empresas con maiores ingresos pola venda de armas, corenta e dúas son estadounidenses, incluíndo as cinco primeiras -Lockheed Martin, Raytheon Technologies, Northrop Grumman, Boeing e General Dynamics-. A Unión Europea cómpralle a Norteamérica o 60% das armas e como non quere depender dela aprobou a denominada Estratexia Europea de Defensa, para esixir que no 2030 os europeos adquiran a metade do seu armamento dentro da UE. Todos a fabricar armas como tolos. A OTAN, por se faltase algo neste desperdicio universal insensato, obriga a que cada membro invista en armas o 2% do seu respectivo PIB. España gasta uns vinte e catro mil millóns de dólares, uns cincocentos euros por español e subindo. E, claro, para residencias públicas de maiores e hospitais non queda un patacón.

Nesta situación, a ONU conmemora solemnemente entre o 24 e o 30 de outubro a Semana Internacional do Desarme. No Consello de Seguridade da ONU teñen dereito de veto Estados Unidos, Rusia, Reino Unido, Francia e China, que, casualidades da vida, son os maiores fabricantes e vendedores de armas do mundo.

E, sabedor deso, fun a internet e busquei como se escribe risa nas redes sociais en diversos idiomas. Cada un ten as súas onomatopeas e ata as hai a propósito para describir tipos de risa: escachar coa risa, escarallarse de risa, partirse de risa, risa sardónica, risa frouxa.

A Semana do Desarme: ha, ha, ha; ja,ja,ja; je,je,je; ji, ji, ji; jo, jo, jo; ah, ah, ah; hahaha; ahaha; jéjéjé; ah, ah, ah; rsrsrsrs; kkkkk; rá; xaxa. A Semana do Desarme: huhuhu; 555555; lol; lmao; rofl; mdr; ptdr; xptdr; wwwwww; 233; ha3; huehuehue. A Semana do Desarme: hehehe; hihihi; xaxaxa; ehu ehu;cha cha cha; ho ho ho; bggg; ggg; olololo; hhhh; wkwk; høhøhø, hæhæhæ.`Doume conta que, se cadra, hai que seguir a parecer miñaxoias ou malpocados e, por ver se espertamos, porfiar en que se celebre por todo o alto esa Semana do Desarme. Pero non podo evitar a tentación de rir e de matinar en que en todo o mundo se ri: Gha,gha,gha; ja,ja,ja; je,je,je; ji, ji, ji; jo, jo, jo; ah, ah, ah; hahaha; ahaha; jéjéjé; ah, ah, ah; rsrsrsrs; kkkkk; rá; xaxa; huhuhu; 555555; lol; lmao; rofl; mdr; ptdr; xptdr; wwwwww; 233; ha3; huehuehue; hehehe; hihihi; xaxaxa; ehu ehu;cha cha cha; ho ho ho; bggg; ggg; olololo; hhhh; wkwk; høhøhø, hæhæhæ. Non sei moi ben como rematar esta columna deixando unha frase lapidaria; dubido entre rir por non chorar ou morrer de risa.