O Concello de Vilagarcía acusa á Xunta de «trilerismo» polos Orzamentos e o da Illa pide seis investimentos sen partidas
AROUSA
O parlamentario autonómico do PP, Raúl Santamaría, salienta pola súa banda os 48 millóns de euros que o goberno galego, di, investirá na comarca o ano que vén
22 oct 2024 . Actualizado a las 12:34 h.Os ecos da presentación do proxecto de Orzamentos 2025 da Xunta o pasado sábado, que o goberno do popular Alfonso Rueda someterá nas vindeiras semanas á aprobación do Parlamento de Galicia, provocou onte a reacción desde dous dos concellos do Salnés gobernados polo PSOE. E tanto desde Vilagarcía de Arousa como na Illa critícase o que entenden como desatención ás súas localidades en materia de investimentos autonómicos.
A voceira do goberno vilagarcián, Tania García, acusou á Xunta dun continuo exercicio de «trilerismo con Vilagarcía, movendo as partidas dun lado para outro, cambiándolle o nome, disimulando que nos grandes números quen está detrás son os fondos europeos —caso do centro de saúde, da EDAR, da rede de saneamento— non os da propia Xunta, eludindo ano tras ano un compromiso real e crible coas demandas xustas da oitava cidade de Galicia». Nesta liña, García sinala: «As obras de saneamento en curso son as que presentou o conselleiro Agustín Hernández hai 12 anos. Para construír 500 vivendas destinan 160.000 euros, cando hai pouco dicían que ían investir 1 millón nas expropiacións dos solares. O que hai dous anos era a ampliación do Vagalume agora chámse ampliación do Arealonga, pero segue sen facerse. Prevénse 100.000 euros para «estudar» a viabilidade da ampliación do polígono do Pousadoiro e non hai nin rastro da estación intermodal, para a que hai dous anos dicían que se ían investir 1,3 millóns».
O alcalde da Illa de Arousa, Luis Arosa, denuncia que, «coma sempre, a Xunta ningunea a este Concello nos Orzamentos» e nin sequera resposta ás cartas que, cada mes, lles manda ás consellerías solicitando unha reunión con cadanseu titular. Arosa informa que o grupo parlamentario do PSOE no Hórreo incluirá nas súas emendas ao proxecto de Orzamentos da Xunta seis investimentos na Illa: remodelación e construción dun aparcadoiro no paseo do Cantiño, construción de vivendas sociais, arranxo integral do colexio Torre-Illa, que a Xunta contribúa ao pago da nova depuradora, o asfaltado das dúas estradas autonómicas que pasan polo municipio e a construción dun centro de día».
Balance de Raúl Santamaría (PP)
O deputado autonómico vilagarcián do PP, Raúl Santamaría, salientou onte pola súa banda que a Xunta «destinará 48 millóns de euros ao Salnés e ao Ullán» e agradeceulle ao goberno galego que «siga tendo en conta a importancia que para a comarca ten a ría de Arousa, cun investimento de 30 millóns para o seu saneamento».