Pallasos en Rebeldía convertirá A Peixería nun campo de refuxiados cunha experiencia de teatro inmersivo
AROUSA
A oenegué trae este venres a Vilagarcía «Vía Morta», coas performances que Iván Prado leva anos realizando en zonas en colfito
23 oct 2024 . Actualizado a las 18:36 h.Vía Morta é o título dunha peza de «teatro inmersivo» desenvolvida por Pallasos en Rebeldía. A obra chega este venres á praza da Peixería de Vilagarcía para chamar a atención sobre o drama das persoas refuxiadas.
En Vía Morta, o escenario é unha tenda dun campamento rodeada dun aramado. Durante o acceso á sala, o personaxe do policía indicaralle aos espectadores que pasen directamente á escena e se senten no chan, porque eles e elas van vivir a experiencia como unha persoa refuxiada máis á que se lle pechou a porta á Unión Europea, arredor de dous millóns nestes momentos. O fío condutor da obra son as performance que o clown Iván Prado leva anos realizando en campos e en outras zonas en conflito.
Durante toda a representación, un policía de fronteira estará detrás do aramado e o personaxe da refuxiada, dentro do campamento, xunto ao público. Os espectadores e espectadoras voluntarias poderán actuar indistintamente dentro ou fóra dese límite. O espazo sonoro e o silencio ocupará un lugar destacado durante a representación, e favorecerá a experiencia do público. Esta curiosa experiencia, que seguro dá para unha boa reflexión, despregarase este venres, a partir das oito e media da tarde, con entrada libre e gratuíta. O Concello de Vilagarcía colabora no patrocinio e programación da obra como membro que é do Fondo Galego de Solidariedade.
Dende o momento da súa creación, Pallasos en Rebeldía vén traballando moi intensamente en campos de persoas refuxiadas ao redor do mundo, estando sempre presente nas maiores crisis humanitarias en relación a movementos de poboación. Así, a organización non gubernamental viaxou a lugares como Grecia, Serbia e Calais (Francia), lugares nos que nos últimos anos se concentra gran cantidade de persoas que foxen dos seus países nun intento de chegar á Unión Europea. Ademais, Pallasos en Rebeldía realiza tódolos anos o Festiclown en Palestina. E en Belén creou o a primeira escola de circo cun campo de persoas refuxiadas.