O PSOE de Vilagarcía sitúa a intermodal á fronte das alegacións aos novos Orzamentos da Xunta
AROUSA
O alcalde, Alberto Varela, que recibiu o apoio de Gómez Besteiro, acusa de cinismo o PP
23 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Un día despois de que a voceira do goberno local socialista de Vilagarcía de Arousa, Tania García, cargase contra o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para o 2025 presentados o pasado sábado polo goberno popular de Alfonso Rueda, onte a agrupación do PSdeG-PSOE da capital arousá anunciou o groso das alegacións que, a través do grupo do seu partido no Parlamento de Galicia, presentará á proposta de contas autonómicas para o vindeiro ano. Á fronte da listaxe, a estación intermodal que reúna o tráfico ferroviario e en autobús repartido hoxe entre dúas instalacións separadas xa por escasos metros.
O propio secretario xeral do PSdeG-PSOE, o lugués José Ramón Gómez Besteiro, acudiu onte a Vilagarcía para apoiar a construción dunha estación intermodal que, salientou, «debe ser o eixo do transporte público de toda a comarca de Arousa, contribuíndo a mellorar as posibilidades da xente da comarca para moverse internamente e para conectarse co tren. Non ten sentido que sexa máis fácil chegar a Madrid en tren que ir e vir de Vilagarcía ao Grove en bus».
O alcalde vilagarcián, Alberto Varela, acusou á Xunta dun incumprimento sistemático coas demandas históricas da localidade, afirmando: «Cada día o PP nos sorprende con máis cinismo». No tocante á estación intermodal, sinalando que «o Partido Popular xa prometeu no 2021 que o proxecto se iniciaba, e non se soubo nada máis», interpelando ao grupo municipal do PP a que «volva reflexionar sobre a súa tendencia a defender antes o seu partido que a Vilagarcía». Varela informou de que, nas súas emendas aos Orzamentos da Xunta, o grupo parlamentario do PSOE incluirá, ademais da reclamación da intermodal, un compromiso real coa ampliación do polígono do Pousadoiro, financiamento para aumentar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou partidas concretas para a reforma de viais autonómicos no municipio, como o tránsito entre Carril e Bamio.