O binomio riqueza económica-cultura non foi unido durante os últimos oito séculos
27 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Os pobres foron os que conservaron e transmitiron o maior tesouro de Galicia: o idioma. E o galego, usado durante uns oito séculos, conformou unha riqueza inconmensurable, que fixo a eses falantes pobres dispor dun riquísimo acervo cultural. A palabra pobre naceu da latina pauper que orixinariamente aplicábase ao gando e ás terras improdutivos. O galego non o é.
Pobre é o que non dispón de bens, servizos e dereitos básicos e, polo tanto, o que se ve imposibilitado para levar unha vida digna ou alcanzar as súas expectativas. A fame e a miseria son das caras máis visibles desa situación, con características como apartheid social, racismo, loitas étnicas, mulleres sen dereitos e, sobre todo, guerras. O Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) e o Oxford Poverty and Human Development Initiative (OPHI), da Universidade de Oxford, publicaron estes días o Índice de Pobreza Multidimensional de 2024, que dá datos terribles, desesperanzadores para o que todos soñaramos que fose o século XXI. Di que no mundo hai máis de mil millóns de persoas a viviren en pobreza extrema, con carencias en nutrición, educación, acceso á electricidade e ao saneamento, vivenda ou combustible para cociñar; e o 40 % delas en países en situación de conflitos violentos, nos que moitas veces a pobreza é preocupación secundaria. Resumo: na Terra viven uns 6.300 millóns de persoas e 1.100 millóns —nenos menores de 18 anos, a metade— son pobres; e deses, 455 millóns viven en países en conflito. A emigración dos pobres, como fixemos os galegos, é, polo tanto, imparable.
As recentes enquisas, preocupantes, sobre o uso do noso idioma constatan o descenso de mozos falantes en galego. Esa tendencia probablemente teña raíces na relación entre pobreza e uso do noso idioma: o poder real e os ricos enarboran sempre un idioma, que se impón, impoñen, como símbolo de dominio. Unha ollada á Historia permite establecer esa correlación: en España o latín eliminou as linguas prerrománicas, o castelán extinguiu o árabe. Non sendo na Idade Media, cando ata nas Cortes de León —Galicia daquela— falábase galego, os galegos fomos pobres economicamente. Aínda o somos con respecto a Europa e a moitas partes de España. A nosa lingua case illada e oculta sobreviviu no rural, entre os pobres, fronte ao castelán, a fala urbana e da sociedade podente, idioma ao que todos aspiraban como espello de status e símbolo do ascenso económico. Pero era como auto-traducido e, xa se sabe, traduttore, traditore. Pero, aínda así, sobreviviu.
Galicia hoxe é pobre ou rica? A resposta é que depende con respecto a onde. As zonas rurais das que foxen os mozos seguen a ser pobres por careceren de servizos básicos, mentres as grandes cidades ofrecen mellor futuro e incrementan os seus habitantes, falantes de castelán. Non digo nada novo se afirmo que a pobreza de Galicia, histórica e actual, camiña de xeito paralelo e inseparable co desprezo ao idioma de seu. Quizá por iso a xuventude, que é a etapa da vida na que se teñen expectativas, fala menos galego. Vése pobre e quere disimulalo. Equivócase.
A pobreza rural, en Galicia, non significa pobreza cultural porque dispón dun idioma enriquecido por oito séculos de uso. O binomio riqueza económica-cultura non foi unido durante os últimos oito séculos. A cultura ten que ver co coñecemento dos matices do idioma falado. Ser culto, no fondo, é dominar unha lingua; esa mesma que conservaron os pobres, e dou obras de arte de universais. Utilizar o idioma é, tamén, fuxir da pobreza. O galego é unha riqueza inmensa, propia. Que orgullo, mozos!.