A Mancomunidade do Salnés e a Deputación presentan en Madrid tres propostas turísticas

La Voz CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

Cedida

A auga, o Camiño e o reláx para empresarios e profesionais centraron a acción

06 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Con practicamente dous millóns de visitantes cada ano, O Salnés afiánzase coma un dos principais destinos turísticos do norte da Península. Conscientes deste feito, a mancomunidade e a Deputación de Pontevedra acudiron esta semana a Madrid para presentar tres propostas turísticas: Orixe de todos os Camiños, Slowbusiness e 70 % Auga 100 % Rías Baixas.

A primeira delas pescuda no antigo vencello que une a ría de Arousa co fenómeno xacobeo. O seu obxectivo é aglutinar baixo esta marca todos os produtos turísticos relacionados co Camiño de Santiago na comarca. Súmanse, así, diferentes paquetes. A Variante Espiritual acolle vinte mil peregrinos ao ano; a Ruta do Pai Sarmiento, baseada no libro Viaxe a Galicia, escrito por Sarmiento en 1745; ou Camiño á Orixe e Navega o Camiño permiten recrear a chegada dos restos do Apóstolo ata Iria Flavia por mar.

En segundo lugar, o termo slow, lento, en inglés, fai referencia á necesidade de facer unha paréntese no ritmo de vida, normalmente acelerado, para desconectar. Está dirixida a empresarios e profesionais que desexen combinar o seu traballo coa posibilidade de gozar da natureza, a gastronomía e o benestar que ofrece a terra do Salnés, con aloxamentos Premium, espazos de coworking dotados coa última tecnoloxía ou servizos loxísticos de alta gama.

Por fin, a terceira proposta lembra que o 70 % do planeta está cuberto por auga, un elemento fundamental que remite directamente ao carácter atlántico da comarca. Un territorio con grandes recursos naturais acuáticos. Tanto polo que respecta á propia ría de Arousa coma ás fervenzas, as augas termais, os encoros navegables e os ríos, que a Deputación de Pontevedra quere proxectar en eidos coma os do turismo de aventura, termal, ou náutico.