O piloto ribadumiense revalidou a coroa do Campionato de España de Ralicrós e ganou o seu segundo Galego de Ralimix
10 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Campionar en calquera deporte está ao alcance de poucos. Facelo dúas veces en dúas semanas consecutivas e en outros tantos campionatos diferentes, iso xa está a outro nivel. O que vén de despregar, como con anterioridade máis dunha vez nas súas dúas longas décadas no mundo da competición do motor, o ribadumiense Tino Iglesias. O presidente e alma mater da escudaría Desguaces Tino Racing vén de pechar a temporada 2024 reunindo as coroas do Campionato Galego de Ralimix e do Campionato de España de Ralicrós aos mandos dun RMC N5.
A última fin de semana de outubro, co seu irmán Jorge de copiloto, Tino Iglesias remataba a sexta e derradeira proba autonómica de ralimix. O segundo posto na carreira de Barbadás bastoulle para selar o seu segundo título autonómico da especialidade, logo do conquistado tres anos atrás e despois de impoñerse en dúas das probas puntuables e de asinar o segundo posto nas outras catro.
Completado o primeiro exame final, o ribadumiense buscou na primeira fin de semana de novembro a matrícula de honra en Miranda del Ebro, desta volta, sen copiloto. Chegaba á cuarta e derradeira proba puntuable do Campionato de España e Ralicrós segundo na clasificación xeral, 3 puntos por detrás do vasco Gorka Eizmendi. E Iglesias acabou por tirar man da épica para levantar unha fin de semana que se lle puxo costa arriba ao romper o sábado o motor. Con outros 3 puntos de desvantaxe máis no casilleiro, o domingo, tras cambiar o corazón do seu bólido, probouse o mellor no resto do programa de competición, a Q3, as semifinais e a final. A súa vitoria, sumada á que conquistara na proba de Castelo Branco —a metade do calendario disputouse en Portugal pola escaseza de circuítos de ralicrós en España—, decantou a balanza do lado do galego na súa pelexa pechada con Eizmendi, revalidando deste xeito o título nacional na terceira edición do Campionato de España de Ralicrós —na primeira non participara—.
Tino Iglesias comenta que «teño feito temporadas boas» máis aló desta á hora de preguntarlle se o 2024 foi o seu mellor ano. Un curso no que, por primeira vez desde que se recorda nun coche de competición, non participou no Campionato Galego de Ralis. A paréntese, adianta, concluirá co seu regreso á liña de saída da modalidade raíña do deporte do motor galego no 2025.