EU acusa os gobernos local e autonómico de enganar os cidadáns coa construción do novo Mercadona en Vilagarcía
AROUSA
Juan Fajardo afirma que o establecemento está literalmente enriba do xacemento do Castro Alobre
21 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.«Tanto a Xunta como o goberno local claramente se puxeron de xeonllos ante o poderoso dono de Mercadona, permitindo unha actuación irresponsable, chapuceira e que incide nos erros urbanísticos que continúan esnaquizando o noso patrimonio histórico e acabando coa personalidade de Vilagarcía». Con esta contundencia se manifestaba onte o voceiro e único edil de Esquerda Unida na corporación municipal de Vilagarcía de Arousa.
Juan Fajardo acusou as Administracións autonómica e local de «enganar a cidadanía respecto á preservación dos restos arqueolóxicos» do Castro Alobre na construción do novo hipermercado de Mercadona na capital arousá. «Tal e como demostran as fotos que apareceron en prensa, o novo centro comercial está literalmente enriba dos restos arqueolóxicos do Castro Alobre, xa que as estruturas que se poden ver do mesmo adéntranse claramente na zona urbanizada polo establecemento».
O concelleiro de EU fala de «situación irreparable» e acusa o goberno local do socialista Alberto Varela de presentar «un bochornoso convenio con Mercadona para poñer en valor o xacemento, que resulta insuficiente e impide recuperar o destruído».