O Campionato Xunta de Galicia de Medio Maratón reunirá mañá a 632 atletas entre federados e populares
AROUSA
A proba disputaráse nas rúas de Vilagarcía de Arousa en xornada matutina
23 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Federación Galega de Atletismo e a Fundación de Deportes do Concello de Vilagarcía teñen todo listo para a celebración, mañá domingo, da trixésimo segunda edición do Campionato Xunta de Galicia de Medio Maratón das categorías absoluta, sub-20, sub-23 e as máster. Unha cita que por segundo ano consecutivo se decidirá nas rúas da capital arousá. Desta volta, cunha participación maior, acadándose os 632 inscritos.
Deles, só 368 optarán aos títulos autonómicos en xogo, reservados aos atletas federados, cos 264 restantes facéndoo como deportistas populares.
Entre o primeiro grupo, e en ausencia dos campións galegos absolutos da anterior edición, Álvaro Prieto, do Atletismo Corredoiras, e María Jesús Conde, do Lugo Running Club, aparecen coma principais alternativas na súa condición de subcampións no ano 2023. Si figuran na listaxe de saída os últimos vencedores nas categorías máster: Silvia García (Atletismo Noia), na F35, Alejandro Pesado (ADAS CUPA), na M45, Santiago Falcón (AD Olimpia), na M55, Teresa Castro (Atletismo Noia), na F55, Manuel Suárez (Veteranos de Samil), na M65, Gonzalo Vázquez (Sprintes Ourense), na M70, Roberto Rey (Veteranos de Samil), na M75, e Julio César Constela (Atletismo+9 Moraña), na M80.
Ademais das clasificacións individuais, poránse en xogo os títulos por equipos, con media ducia de clubs en competición.
A saída está fixada para as 10.30 horas desde a Avenida da Mariña. Tras unha volta pequena ao Parque Miguel Hernández, os corredores darán dúas voltas ao circuíto principal, con Carril nun dos seus extremos e Vilaxoán no outro. A cerimonia de entrega de trofeos está programada para as 13 horas, a fin de darlles tempo a todos os participantes a cubrir os 21 quilómetros do percorrido do Campionato Xunta de Galicia de Medio Maratón.