Os Ingleses recibe o Ferrol co ánimo anovado tras recuperar efectivos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Lema poderá empregar por fin a todos os seus homes nos seus postos naturais

23 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hache, de regreso tras cumprir os tres partidos de sanción que lle caeran ao final da temporada pasada por un cartón vermello, Bosnio, Marcos e Manolo. Os catro volven hoxe a unha convocatoria de Os Ingleses RC, elevando a 21 o número de efectivos na lista de David Lema.

Con seis potenciais trocos, o adestrador do conxunto vilagarcián encara con optimismo o duelo desta tarde (16 horas) no campo do estadio de atletismo de Fontecarmoa fronte a un CR Ferrol en horas baixas pero igualado a vitorias, unha soa, cos Ingleses. E é que na anterior comparecencia de Liga, dúas semanas atrás nunha visita ao Kaleido Universidad de Vigo, Lema tan só puidera dispoñer de 17 homes, co 58-22 final reflectindo a precariedade da expedición arousá.

«Estas catro altas dannos a vida», di o adestrador dos Ingleses. Xa non tanto polo maior número de xogadores enrolados para a causa, que tamén, como polo feito de que «toda a xente poida xogar no seu sitio, e non fóra del, que era o que máis nos estaba a custar ata agora».

David Lema adianta un quince «competitivo» e salienta a importancia do duelo co Ferrol: «Este é un partido clave. Se gañamos, imos poder mirar cara arriba. Se non, podemos meternos en problemas».