Juan Manuel Costas: «O que nos volveu pasar é que, tendo o partido gañado, regalámolo»
AROUSA
O adestrador do Asmubal Meaño advirte dun problema que contrasta coa fiabilidade do equipo nos finais de partidos as temporadas pasadas
26 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O Inelsa Solar Asmubal Meaño cedeu o pasado sábado no seu feudo de Coirón o liderado no partido que o enfrontou ao segundo clasificado, o Balonmano Gijón. Un duelo que o conxunto galego gañaba por tres tantos a falta de menos de seis minutos e medio, nos que non foi quen de volver anotar, encaixando un demoledor parcial de 0-4 asfaltado por cinco groseiras perdas de balón e fallando un lanzamento de sete metros.
O adestrador do Asmubal Meaño, Juan Manuel Costas, recoñecía onte que lle custou superar o golpe. Sobre todo, porque o seu equipo volveu facer exactamente o mesmo que tan só sete días atrás na cancha da Cañiza, só que daquela Cárol Fajardo conseguira salvar un punto in extremis logo de tirar pola borda unha vantaxe aparentemente máis ca suficiente para levarse o partido.
«Xogamos en ataque mellor que contra A Cañiza, pero o que nos volveu pasar é que, tendo o partido gañado, regalámolo», lamenta o técnico. Unha concatenación de negras actuacións que lle xeran preocupación: «Non nos soia pasar. Nos momentos finais eramos moi fiables. Nos anos que levo no equipo era raro que se nos fora un partido apertado, puideron ser un ou dous ata esta temporada, e pasounos nestes dous últimos partidos».
Ante esta situación, Costas di que só queda «ver que nos está a pasar nos últimos minutos e corrixilo. Ao mellor pensamos que cun pase máxico final de 30 metros imos gañar, pero non é así».
Dito isto, desde o banco do Asmubal Meaño din que «non hai que dramatizar: «Un puntiño máis e temos a permanencia. Estamos a un punto do primeiro, e creo que tanto o Gijón como nós pincharemos de novo».