Vilanova oferta dous cursos gratuítos sobre seguridade informática e mercadotecnia
AROUSA
Esta formación é equivalente a un master de posgrao universitario, ademais de contar cunha moi elevada porcentaxe de inserción laboral, segundo informa o CDL
28 nov 2024 . Actualizado a las 16:33 h.O Centro de Desenvolvemento Local (CDL) de Vilanova acollerá nas próximas semanas dous cursos, un de seguridade informática e outro de mercadotecnia e comercio internacional, que serán os únicos destas materias que se impartirán no Salnés. Son gratuítos e os participantes poderán cobrar dietas de desprazamento ata unha cantidade próxima aos 300 euro ao mes.
O curso de seguridade informática impartirase de 9 a 14 horas e comezará o 11 de decembro, cunha duración de 518 horas, das que 80 horas serán de prácticas en empresas da comarca, rematando o 25 de maio. Polo que respecta ao de mercadotecnia e comercio internacional, as clases serán de 16 a 21 horas e comezarán o 9 de decembro, cunha duración de 768 horas, incluídas 80 horas de prácticas en empresas da comarca, ata rematar o 18 de xullo.
Polo seu extenso e completo contido, o nivel académico e experiencia dos docentes, así como a súa duración estas actividades formativas son equivalentes a un master de posgrao universitario, ademais de contar cunha moi elevada porcentaxe de inserción laboral, segundo informa o CDL. Estes cursos están dirixidos a persoas inscritas no Servizo Público de Emprego, autónomos e traballadores por conta allea sempre que o seu horario laboral sexa compatible co do curso. Os interesados poden inscribirse a través do correo: javier.pineiro@vilanovadearousa.gal.