Da mestura explosiva de partitocracia e Monipodio

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

BENITO ORDOÑEZ

O sistema español volveuse tóxico e nace na elección dos candidatos ás listas electorais mediante mecanismos internos dos propios partidos

30 nov 2024 . Actualizado a las 19:22 h.

Estes días coinciden, alomenos, dúas situacións no decorrer da política que aos cidadáns de a pé déixannos entre frustrados e indefensos. Houbo un temporal que levou a vida de máis de duascentas trinta persoas, arruinou edificios e negocios que non deberían estar nas ribeiras de ríos e regatos. Tal como ocorreu coa covid, demostrouse que este réxime neoliberal do Estado español funciona daquela maneira en situacións normais, ordinarias, pero non vale para momentos de necesidade porque esa doutrina imperante na maior parte do mundo está deseñada para obter lucro económico de entes privados, pero nos momentos extraordinarios eses non acoden se  non é para lucrárense, que o farán. Ao mesmo tempo, no avespeiro político de Madrid descóbrense episodios de presunta corrupción: que se Koldo, Ábalos, Sánchez, Gómez, González Amador, Ayuso, Núñes… todos eles,  incluso fisicamente, non me digan que non, parecen persoeiros en busca de autor, por lembrar o título da obra de Luigi Pirandello de 1921. E por seguir con literatura, seguro que se vivise Miguel de Cervantes faría unha reedición corrixida e aumentada do seu Rinconete e Cortadillo, do xénero picaresco, ampliando a descrición do patio sevillano de Monipodio, un moinante, mestre de malfeitores, capo dun gremio de badanas marxinais, estafadores ou prostitutas. Neste ambiente actual de xestión nefasta dun desastre natural e de avolto patio de Monipodio político, o presidente do Partido Popular  advírtelle ao presidente da Generalitat valenciana que ten que portarse ben; o presidente do Goberno e unha ministra de non sei que pídenlle ao PP que cese ao presidente valenciano. Traizóaos o subconsciente. Eses pedimentos son manifestación do máis grave problema actual da formal  democracia española porque realmente non vivimos nunha democracia, senón nunha partitocracia. En democracia sería impensable que alguén manifestase que o presidente dun partido puidese cesar a un xefe de goberno autonómico lexitimado nas urnas. Pero políticos, que ata o piden moi enfurruñados, e cidadáns están en que Núñez Feijoo pode cesar a Carlos Mazón. Non teñen asumida a democracia.

Hai clases diversas de partitocracias: as de partido único como China ou Corea do Norte ou, por exemplo, a de España que foi dexenerando nun sistema turnista, cun Estado que cada vez ten menos que ver coa cidadanía. O  sistema español volveuse tóxico e nace na elección dos candidatos ás listas electorais mediante mecanismos internos dos propios partidos e, ademais, sen que os elixidos queden vinculados polas promesas electorais: só teñen que gardar fidelidade ao partido para poderen recuncar noutras eleccións. A partitocracia é un engano: fáisenos crer que vivimos nunha democracia pero a realidade é que os elixidos por votación popular están suxeitos á disciplina de voto que impón o partido e non ás promesas que se lle fan á cidadanía. Quen exerce o poder real son os partidos políticos que, por suposto, non elixen nunca aos máis hábiles, capaces ou preparados, senón aos máis fieis. O poder real non está nos órganos de representación senón nos partidos políticos. No Congreso, os deputados votan o que ordena o partido, non pensando nas promesas feitas na súa provincia; os partidos non fichan perfiles ilustres, senón persoeiros que levan toda a súa existencia vivindo da política e medrando dentro do partido (un mundo irreal): Pedro Sánchez milita desde os vinte e un anos no PSOE —nada máis—, Feijóo desde os vinte e nove asume cargos públicos, Abascal está ligado a PP e Vox desde os dezaoito e Iolanda Díaz desde os trinta e un anos vén ocupando cargos de relevancia política. Todos co mesmo patrón: anoados a un partido desde a mocidade e a viviren da política. Cervantes era un xenio e por iso deixou escrito que o Patio de Monipodio sería un xeito de vida imperecedoiro.