O Colexio de Educación Especial, Con Eles, Cortegada e CLB fan do baloncesto unha ventá á inclusión

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Os seus deportistas mesturáronse en equipos unificados nunha xornada de convivencia no Día Internacional das Persoas con Discapacidade Intelectual

04 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O de decembro é un mes cheo de xornadas para a celebración e os bos desexos. Entre elas, destacada, aparece o 3 de decembro. O Día Internacional das Persoas con Discapacidade Intelectual é unha das ventás máis luminosas de cantas tratan de abrir á sociedade as persoas que traballan a prol da visibilización do colectivo na pelexa diaria pola súa integración real. En Vilagarcía de Arousa, cos infatigables pais, nais, docentes e demais profesionais do Centro de Educación Especial (CEE) e da asociación Con Eles buscando sempre cantos novos aliados se queiran sumar ao seu empeño.

Logo de contar o ano pasado con alumnos de bacharelato de diferentes centros de ensino de Vilagarcía nun taller de música destinado a traballar a concienciación inclusiva na educación, o CEE e Con Eles atoparon nesta ocasión, no Día Internacional das Persoas con Discapacidade Intelectual 2024, a complicidade da Asociación Deportiva Cortegada, do Básket Base Club (BBC) e do CLB. Xuntos, a través do deporte, en xeral, e do baloncesto, en particular, amosaron no parqué do Pavillón Municipal Sara Gómez de Fontecarmoa que calquera cidadán, sexa cal sexa a súa condición, comparte os mesmos desexos, anhelos e necesidade de gozar das cousas que, como o deporte, nos fan persoas tan iguais coma diferentes.

Xogadoras dos equipos de Liga Femenina 2 e de Primera División Nacional e xogadores de Primeira e de Terceira División Autonómica do Cortegada, do BBC e do CLB mesturáronse coas xogadoras e xogadores do Club Polideportivo do Centro de Educación Especial que compoñen alumnos do CEE e usuarios de Con Eles. Mesturados, formaron equipos unificados que xogaron pola mañá durante dúas horas, alternando partidos e probas de habilidades baloncestísticas en parella, nas que os deportistas se axudaban entre si a conseguir cada obxectivo.

A proposta do Centro de Educación Especial e de Con Eles, seguida por un nutrido grupo de pais e de nais nas gradas do Sara Gómez, resultou unha gozada para os deportistas do Club Polideportivo CEE, que leva máis de 20 anos participando nas competicións organizadas pola Federación Galega de Deporte Adaptado.