Samuel Lago confirma con Augas de Galicia o adeus á partida para o colector de fecais entre Cambados e Vilanova
AROUSA
O alcalde da vila do albariño recibiu o compromiso do ente autonómico de estudar unha solución a medio prazo para as verteduras na ponte de Castrelo
05 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O alcalde de Cambados, Samuel Lago, reuniuse no día de onte co presidente de Augas de Galicia, Roi Fernández. Unha xuntanza de traballo á que o rexedor da vila do albariño acudiu con tres temas baixo o brazo. Entre eles, a renovación do colector de fecais que une Vilanova de Arousa e a Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Tragove, en Cambados. Un proxecto con partida orzamentaria asignada pola Xunta e abortado pola negativa á instalación dun novo colector, no ano 2022, por parte da Dirección General de Sostenibilidad de la Costa y el Mar do Estado.
Lago interesouse polo estado da cuestión, reiterando a súa proposta e a da candidata á alcaldía de Vilanova de Arousa polo PSdeG-PSOE nas últimas eleccións municipais, María José Vales, de aproveitar parte do investimento xa comprometido pola Xunta, superior ao millón de euros, para a instalación do tanque de tormentas á altura da praia das Patiñas xa previsto no proxecto. Desde Augas de Galicia, declara o alcalde cambadés: «Dixéronnos que o diñeiro previsto para a obra tiña que executarse en prazo, e que como non foron adiante as autorizacións, nin se modificou tampouco o proxecto, ese diñeiro non se pode destinar a esa obra».
Sobre a posibilidade da presentación dun contencioso-administrativo contra a negativa de Costas, Lago sinala que o presidente de Augas de Galicia lle respondeu que o seu ente non o presentou e que non tiña constancia de que o Concello de Vilanova o fixera.
Samuel Lago solicitou a colaboración de Augas de Galicia para resolver «o problema medio ambiental que temos cun punto de augas fecais na ponte de Castrelo, que vén derivada dos colectores de auga da estrada PO-550, dende a ponte da Barca ata A Bouza, un treito de dous quilómetros», enunciou. Problema derivado da existencia dunha rede mixta, que mestura augas pluviais e fecais. Calculando nun millón de euros o investimento preciso para solucionalo, o rexedor pediu a colaboración do ente autonómico, obtendo unha solución a medias: «Comprometéronse a mirar as posibilidades de poder acometer a obra a medio prazo, vendo quizais de ter que cofinanciala o Concello, que tería que ocuparse da redacción do proxecto».
No que non atopou o menor eco Lago en Augas de Galicia foi no seu intento de evitar ou minorar o pagamento da taxa de depuración por parte do Concello. «Consideran que a taxa é xusta e está ben aplicada». Cambados tena recorrida e resérvase acudir ao contencioso-administrativo.