Do Día Internacional contra a Corrupción

AROUSA

A corrupción non só caracteriza ao sistema español, senón a todo o mundo

08 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Que inoportuna é a ONU. Coa que está caendo ocórreselle conmemorar mañá, como cada 9 de decembro, o Día Internacional contra a Corrupción. Podería aprazalo, ou deixalo sen efecto, porque nestes días igual lles dá proído a moitos. A palabra corrupción vén do latín romper, desfacer. Iso é o seu efecto: quebrar, desarticular as sociedades, os sistemas de goberno, a confianza nas institucións. Vén sendo o cancro que mata todo: valores, ilusión, esforzo. É a corrosión tóxica do sistema político democrático, da igualdade e da convivencia social. Do sistema, porque transforma nunha ficción as leis, só aplicables á xente honrada; da convivencia, porque a sociedade admítea cando se trata de obter un beneficio persoal; e da igualdade porque busca, precisamente, destruíla. Está normalizada de vello na sociedade como se ve na lingua. Miren os refráns: Quen non ten padriños morre mouro ou quen non ten padriños non se bautiza.

A corrupción está incrustada acotío na colectividade pero maniféstase máis dolorosamente cando ocorren traxedias, guerras, crises. En realidade é o xeito de saqueo dos rateiros da boa sociedade. Con ela asoman os peores, os máis miserables seres humanos. Nestes días escoitamos que durante a pandemia houbo unha chea de infames, viles, aproveitados, ruíns, idólatras do diñeiro que, sen ningún cargo de conciencia, dedicáronse a utilizar contactos persoais para arrincar dos cartos públicos millóns de euros en comisións pola compra de máscaras que o Estado, desprevido, non tiña. Cifras inmensas para a xente do común. Nesa conduta aparece a ralea peor que pulula arredor da Administración, tan amoral que xustifica esa conduta. Que noxo!.

A corrupción non só caracteriza ao sistema español, senón a todo o mundo; máis inserida nas sociedades canto máis atraso e tanto nas grandes institucións —Ministerios— como nas pequenas —Concellos—, porque, perdóenme outro refrán, en todos sitios cocen fabas: é un fenómeno que empezoña todas as sociedades e todas as economías. No 2003 a ONU aprobou a Convención Internacional contra a Corrupción, asinada por España en 2005. Di que a corrupción socava as institucións e os valores da democracia, a ética e a xustiza, compromete o desenvolvemento sostible e o imperio da lei, incide no branqueo do diñeiro —que me din dese policía con millóns de euros emparedados, ou das consecuencias do narcotráfico na comarca?—. Propón medidas dirixidas a que a sociedade tamén vixíe esta lacra reforzando a información pública, a transparencia, a simplificación da burocracia, a participación da sociedade civil nos procesos de contratación e a protección dos denunciantes.

Hai unha tendencia social preocupante: a sociedade aínda non rexeita radicalmente a corrupción. Non nos esquezamos que os pillabáns —con sinónimos como pícaro ou raposeiro— sempre foron vistos cun algo de simpatía e mesmo o xénero literario da picaresca dou obras de arte inmortais. Hoxe, a sabedoría popular segue apelando, como a un Deus, ás cuñas —dise así—. Quen diante dun problema non pensou en botar man delas: E non terás unha cuña para solucionar isto?. Fíxense: no Eurobarómetro de 2019 sobre a corrupción o 81% dos españois dicían que era inaceptable, pero no 2023 xa só foron un 72% os que pensaban tal cousa e no resto de Europa aínda menos: o 62%. No de 2022 constátase que só o 10% dos españois estaban preocupados polo pago de subornos, e un 70% opinaba que as relacións de compracencia, por chamalas así, entre políticos e empresas privadas forman parte da «cultura empresarial». Vai, pois, en aumento a tolerancia social coa corrupción e resulta común entendermos que é un mecanismo máis para acceder a bens e servizos ou, como se di na linguaxe común, untar.

A corrupción fai que a desconfianza nos políticos e nas institucións sexa xeneralizada. Por iso a ONU dedica o Día Internacional contra a Corrupción a concienciar á mocidade, porque está san. Pide que non se empezoñe.