O mar de Galicia busca estirpes de berberecho resistentes á baixa salinidade
AROUSA
Coa información e a axuda da ferramenta de xenotipado procurarase en 2026 localizar uns novos reprodutores
11 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, acompañados do director do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), Carlos Gabín, participaron este martes na presentación do proxecto Resalber, que ten como finalidade a obtención de marcadores moleculares de resistencia á salinidade do berberecho.
Este traballo xorde logo da sinatura do convenio asinado no mes de novembro entre o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López. Será executado polo Acuigen de xenética aplicada á acuicultura e á conservación dos recursos biolóxico e contará coa colaboración do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).
A colaboración da Xunta establece un financiamento plurianual que supera os 174.000 euros, así como a actividade investigadora que se prolongará ata o 2026, momento no cal se presentará o informe cos resultados.
A primeira fase consiste en obter semente de berberecho procedente de reprodutores recollidos no medio mariño, en particular unha cohorte procedente da ría de Arousa e outra de Anllóns para trasladalos ás instalacións de criadeiro de moluscos do Centro de Investigacións Mariñas de Corón. A partir da introdución destes reprodutores no criadeiro ten lugar a posta de gametos, a súa fecundación, o cultivo larvario en condicións controladas, ata alcanzar individuos de berberecho con tamaño entre 3 e sete milímetros. Estes son sometidos a situacións de salinidade extrema, desde 0 % ata 15 %.
Nivel de tolerancia
Unha vez realizado este test de tolerancia ás baixas salinidades, procederase por parte do departamento de zooloxía, xenética e antropoloxía física da USC a deseñar unha ferramenta de xenotipado para a análise xenómica, realizarase un xenotipado das mostras procedentes do test de tolerancia a baixas salinidade.
Coa información e a axuda da ferramenta de xenotipado procurarase en 2026 localizar uns novos reprodutores de berberecho que presenten os marcadores de resistencia ás baixas salinidades e iniciarase un novo proceso reprodutivo en criadeiro coa finalidade de obtención de semente destes exemplares seleccionados para validar se as súas crías herdan esa resistencia.
Accións para o mexillón
Por outra banda, nesta xornada tamén se presentaron outra serie de accións de investigación, que están relacionadas cos avances da acción de investigación na que se analiza en dous puntos de cultivo de mexillón con distinto hidrodinamismo as evidencias de desprendemento de mexillón, así como co seguimento de dúas patoloxías que afectan ao berberecho, a neoplasia diseminada e a Marteilia cochillia; e un censo dos parasitos que están presentes na volandeira. Estas últimas accións investigadoras están financiadas na súa totalidade pola Consellería do Mar.