A rapaza do Grove que varreu 8.000 cabichas na Festa do Marisco volve a carga

leticia castro O GROVE / LA VOZ

AROUSA

LETICIA CASTRO

Unha ducia de entidades téñense sumado a unha iniciativa que apela á responsabilidade de cada persoa fumadora

20 dic 2024 . Actualizado a las 20:05 h.

A Tami Prieto non lle para o pan no corpo cando ve a alguén tirando unha cabicha ao chan. Deixouno claro cando no recinto da Festa do Marisco varreu 8.000 restos de cigarros co obxectivo de que non fosen parar ao mar. Con esa iniciativa pretendeu concienciar a propios e alleos do prexudicial dese xesto para o medio ambiente.

De seguro, despois daquelo algúns fumadores mudaron a súa actitude ao respecto, pero non os suficientes, porque a diario segue atopando na rúa centos de cabichas e insiste no asunto, algo que visibiliza a través das súas redes sociais. Por iso acaba de dar un paso máis, emprendendo unha nova campaña, dirixida á hostalería fundamentalmente, ofrecéndose a imprimir e pagar do seu peto un cartel feito con elementos reciclados e repartilo a quen quixesen adherirse a ela.

Conta Prieto que «moitos son os contaminantes que chegan ao mar e a cidadanía síntese impotente á hora de poñerlle fin porque case sempre dependen de lexislacións que non dan chegado, véxase biosoportes, pellets, sulfatos, verquidos… pero no tema das cabichas é unha responsabilidade individual e ao alcance de calquera», explica.

Esta nova idea está centrada en bares e restaurantes, «porque son o núcleo da vida social, sobre todo de cara ao Nadal», di. A súa mensaxe xa calou en varios establecementos e tan so en vintecatro horas, tras difundila en vídeo a través do seu Instagram. Os primeiros en unirse á campaña foi o equipo de fútbol CD Grove, e tras ele varios pubs e bares como Casa Abel, Taberna Catro Mariñeiros, Taberna Furtivos, o pub Underground; establecementos como Hábitat, Meu, Awa, Pan de Carballo e instalacións como o Punto de Atención á Infancia, a praza ou a confraría.

Unha boa acollida para arrancar, xa que tal e como explica , «a hostalería do Grove sempre foi moi conservadora, pero nos últimos anos vese unha xente nova que está disposta a mellorar o que xa esta feito, non queren quedarse na queixa e serán de seguro o motor que impulse o cambio», confía, confesado ademais a incoherencia de que unha vila como a meca «mariñeira, que pon en valor peixes e mariscos, non coide o mar, e o mar comeza nas rúas», sinala.

Diso fala longo e tendido en redes, explicando que todo o que tiramos ao chan vai parar aos sumidoiros, «e as augas pluviais van directas ao mar sen depurar», insiste. Na súa cruzada contra a contaminación pon o foco na responsabilidade individual, facendo fincapé en que precisamente nos locais de hostalería existen borralleiros nas terrazas e aínda así hai xente que segue botando os restos do cigarro no chan, e de aí o problema.

Por facer o esforzo e concienciar que non sexa. Á iniciativa acaban de sumarse as rapazas de LimpiaArousa, comprometéndose a repartir os carteis pola Illa de Arousa, Vilagarcía e Cambados. A proposta, feita de xeito individual por Tami Prieto promete chegar lonxe, haberá que estar atentos a ver se este Nadal existen menos cabichas nas rúas e entre todos conseguen un mar menos contaminado.