Alfonso Rueda reivindica dende Vilagarcía un PPdeG «preparado» e que «ofrece feitos» á cidadanía
AROUSA
A xunta directiva provincial mantivo onte una reunión na capital arousá
28 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O PP de Pontevedra elexiu Vilagarcía, e máis en concreto o Pazo da Golpelleira, para celebrar a que será a súa última xunta directiva provincial do ano. Á mesma acudiu o presidente do partido en Galicia, Alfonso Rueda, quen asegurou que ve a súa formación preparada para un 2025 «aínda mellor» que os anos anteriores. O líder dos populares galegos subliñou tamén que o partido está preparado na Deputación, onde Luis López, dixo, leva dous anos sendo exemplo de como facer as cousas ben. O PP está tamén, sinalou «preparado nos concellos» nos que goberna; e preparado tamén alí onde a formación está na oposición, dende onde, dixo Rueda, «loita polos veciños».
Durante a reunión da xunta directiva provincial, Alfonso Rueda asegurou que o seu partido ten un plan que se pode analizar mirando os Orzamentos autonómicos, aprobados «en tempo e forma» segundo se gabou. Neles, recalcou, recóllense cuestións «tan importantes» como a vivenda, co obxectivo de duplicar o parque público; a sanidade, con máis de 5.400 millóns de euros; e «medidas pioneiras como a gratuidade das matrículas universitarias». O PPdeG, insistiu o que tamén é presidente da Xunta, «ofrece feitos, e non palabras». O partido «foi protagonista dun 2024 cun saldo claramente positivo, que comezou en febreiro cunha gran vitoria electoral e continuou en xuño coas europeas, ademais doutros moitos logros». O presidente provincial, Luís López, insistiu na mensaxe: «Temos 27 concellos da provincia gobernados polo PP, gobernamos na Deputación e gobernamos na Xunta, e iso é unha mostra de que traballando unidos, imos acadando os nosos obxectivos».