Das nefastas redes sociais

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MARTINA MISER

En vez de enriqueceren as relacións da Humanidade, trocáronse en canais para que os cidadáns, con cantos menos coñecementos e máis desinformados mellor, sigan a encher os petos dos ricos

05 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Pódese dicir que as redes sociais son o conto do que puido ser e non foi: de convertérense idealmente nunha fonte de comunicación libre e de transmisión de coñecemento, a formar de feito un dos atrancos, quizá coas permanentes guerras, deste primeiro cuarto do século XXI. En vez de enriqueceren as relacións da Humanidade, trocáronse en canais para que os cidadáns, con cantos menos coñecementos e máis desinformados mellor, sigan a encher os petos dos ricos. Todas foron evolucionando para quedárense nunha maquinaria de consumo, e, sobre todo, de fomento da ignorancia e do descoñecemento. Despois do primitivo Arpanet e Six Degrees —1997, case século XXI— que, propiamente, establecían contactos só entre coñecidos— como Friendster (2002), Myspace e Linkedin (2003) xa avanzaron un pouco máis. Coa chegada de Facebook —2004, aínda que ata o 2006 non se abriu ao público en xeral— seguida de Youtube (2005), Twitter (2006), Whatsapp (2009), Instagram (2010), Pinterest, Google e Twitch (2011), Tik Tok ou Douyin na China (2016), BeReal (2020) ou Threads (2023) e outras temáticas como Vinted, Wallapop, Tinder, Meetic, Grindr ou Badoo, y la madre que los parió, que dixo Sabina, transformaron o xeito de comunicarnos e conseguiron que a maioría da poboación deixase de ser libre e quedase escravizada por elas, nun xogo infinito de comunicarse inutilmente, consumindo información simple, van, frívola ou dixomedíxomes. Entre todas eliminaron o concepto de distancia e as sensacións temporais: todo ten que ser inmediato; todo adobiado con escuros e agachados algoritmos que buscan transformar ao usuario en consumidor, canto máis imbécil mellor. Facebook, que ten o dominio mundial, foi creado por Mark Zuckerberg como un lugar virtual para coñecer xente atractiva, o que levou á expulsión do autor da súa Universidade e rematou no que é: unha cadea interminable de parvadas, onde cadaquén expón a súa falsidade particular para pór en claro o marabilloso que é. Twitter aínda é maior foco de falacias e terxiversación. Só permite mensaxes curtas para que ninguén se canse de ler, e é o campo axeitado para a loita política de barrio baixo e poucas luces. Na política, a maior influencia tena Twitter (X), favorecida porque os medios de comunicación —particularmente a televisión— dedican tempo a analizar eses breves textos. Aínda que hai políticos que non participan, como os portavoces do PSOE, os persoeiros de partidos extremistas son usuarios avanzados, utilizando sempre tons exaltados, con argumentos absolutos derivados da necesaria simpleza e case sempre con faltas de respecto. Non hai espazo para expoñer ideas nin palabras sosegadas ou cordiais. En xeral, nesa rede predomina a confrontación e a acusación sen que aparezan por ningures datos rigorosos. Todo isto provoca desinformación política, producindo unha confusión total nos cidadáns que só perciben mensaxes contraditorias dos persoeiros políticos. Reinan en X as medias verdades carentes de rigor e cheas de linguaxe ofensiva. Nesa confrontación de poucas liñas e canto máis insultante mellor, o cidadán non é capaz de discernir a verdade e cada vez está máis desinformado.

Este primeiro cuarto do século XXI non vai por bo camiño e resulta imprescindible abrir espazos para protexer e comunicar coñecemento e que se poida falar de cidadáns libres que reciben noticias veraces e teñen capacidade crítica para analizalas. Se non se toma outra senda, o imperio de Facebook, Twitter e demais levará á transformacións dos cidadáns en miserentos consumidores das velenosas redes sociais. Escravos.