A louza de Bamio chega ao Museo do Pobo Galego cunha exposición

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A mostra inaugúrase mañá e estará aberta ata o día 2 de febreiro

14 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, acolle desde este mércores, 15 de xaneiro, unha nova mostra titulada «Louza de Bamio, mulleres e territorio». Esta exposición ofrece unha oportunidade única para visibilizar a importancia da produción de cerámica tradicional na parroquia de Bamio, en Vilagarcía. A mostra, que poderá visitarse ata o 2 de febreiro, pon o foco nun patrimonio histórico que, a pesar do seu valor, segue sendo pouco coñecido.

A presentación oficial da exposición realizouse onte e contou coa participación do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, da presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e da concelleira de Cultura, Sonia Outón. Durante o acto, Outón destacou que «Bamio foi unha auténtica potencia na produción de louza, iso é o que se quere conservar. Esta exposición vai axudar a que a xente sexa máis consciente da importancia deste patrimonio». Un dos aspectos máis destacables desta iniciativa é que xurdiu grazas ao traballo e esforzo da Asociación de Mulleres Rurais de Bamio. Tal e como explicou Concha Losada, «a exposición nace do interese das mulleres do lugar pola súa louza, nace da xente, que é transmisora dos saberes». Este proxecto demostra como a comunidade local pode ser a protagonista na preservación e divulgación do seu propio legado cultural, sinalou.

A mostra estrutúrase en seis paneis informativos e presenta tamén unha selección de pezas de cerámica. Parte delas foron recuperadas no marco do proxecto Louceir@s, desenvolvido pola Asociación de Mulleres Rurais de Bamio en colaboración coa Universidade de Vigo. Outras pezas proceden dos fondos do propio Museo do Pobo Galego, grazas á labor de Luciano García Alén e a súa muller, recoñecidos polo seu traballo de recompilación e estudo da cultura galega.

Aínda que non se trata dunha exposición moi ampla en canto a número de obxectos, Losada subliñou que ten un gran valor simbólico. Por unha banda, permite poñer en valor a louza tradicional de Bamio; por outra, reflicte a importancia de implicar ás comunidades locais na conservación do seu patrimonio. Ademais, resaltou o papel da Universidade de Vigo, cuxa colaboración pon de manifesto a súa conexión coa realidade cultural do país.

Durante a súa intervención, Losada fixo un chamamento á cidadanía para continuar recuperando e conservando pezas de cerámica que aínda hoxe aparecen en fincas e vivendas da zona. «Que a xente saiba que debe conservalas, non tiralas ao lixo», advertiu, poñendo énfase na necesidade de preservar un legado que segue vivo no territorio. Neste sentido, o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, tamén destacou a importancia de iniciativas como esta para asegurar a transmisión das tradicións ás futuras xeracións. «As tradicións, se non se conservan, se non se transmiten, corren o risco de desaparecer», advertiu Varela, quen subliñou que o proxecto Louceir@s e a colaboración co Museo do Pobo Galego permiten dar un paso adiante desde o local cara ao global.

Proxecto Louceir@s

O Concello de Vilagarcía leva anos apoiando o proxecto Louceir@s, que busca estudar e difundir a tradición oleira de Bamio. En 2024, esta colaboración materializouse no patrocinio do conto infantil María e a roda que non para, unha obra que introduce ás novas xeracións na historia da produción de cerámica na zona.