De que a ignorancia sobrevoa de novo Adro Vello

X.A. Ochoa O GROVE / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Nestes días o Ilustrísimo Concello de O Grove vaise reunir de xeito solemne en Pleno para aprobar un paupérrimo PXOM

26 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Doga publicou en febreiro de 2022 a Resolución pola que se incoou o procedemento para declarar BIC de Galicia á Zona Arqueolóxica de Adro Vello. Van tres anos. O Decreto 231/2022 (Doga de 26 de xaneiro de 2023), clasificou BIC de Galicia á Zona Arqueolóxica de Adro Vello na parroquia de San Vicente, incluíndo na contorna de protección unha moi ampla superficie que abarca a fortificación do Castriño, diversas salgas e a peculiar igrexa do XVIII. Van dous anos. Nestes días o Ilustrísimo Concello de O Grove vaise reunir de xeito solemne en pleno para aprobar un paupérrimo PXOM que se argumenta que hai que sacar porque levan demasiado tempo a traballar (sic) nel e máis vale ter unhas normas mínimas que non ter nada. Todo desolador. Hai varios anos denunciei desde aquí moi diversas cuestións relativas aos erros no catálogo de patrimonio cultural dese proxecto que, lamentablemente, séguense a reproducir parcialmente, quizais por unha cuestión tan pedestre como a de non lelo. Non quero falar do incremento de superficie das parcelas edificables nos núcleos rurais, pero como cuestións anecdóticas, por reflectiren o gravísimo desleixo co que está redactado, simplemente citar que a Feáns cos seus monumentos megalíticos, parroquia de San Martiño, o sitúan na de San Vicente, igual que o monte da Siradella e Con de Loureiro. Serán erros materiais, pero chama a atención o deficiente estudo da estrutura territorial. Vin a corrección de erros enviada aos concelleiros —da que os cidadáns non teñen coñecemento—, despois de tantísimos anos de traballo técnico (sic), nin máis nin menos cunha extensión de setenta páxinas. Iso fala por si so: tantos folios de rectificacións de erros son abondo para non concluír, como fan nas dúas últimas liñas, que non é necesaria unha nova información pública aos veciños. O domingo pasado falaba aquí da necesidade de dar intervención á cidadanía nos asuntos públicos. Pois no Grove, incluso cando a Lei o pide e a sensatez o esixe, preténdese que un Plan Xeral, que afecta aos dereitos de todos e cada un dos veciños, sexa tratado como un indixesto yomeloguisoyyomelocomo dos concelleiros. Viva a participación cidadá!. Esta aprobación provisional farase ás costas da xente. Este proxecto de PXOM segue excluíndo bens de indubidable interese cultural e incluíndo outros que non o son, como xa teño descrito aquí. Por outra parte, se é que se produce esa aprobación provisional, resultará que, unha vez máis, o Concello de O Grove non apreciará de xeito suficiente que Adro Vello sexa agora mesmo a zona arqueolóxica máis sobranceira de Galicia ou, como di o BOE, «con interese científico, importancia histórica e arqueolóxica, que o configuran como un dos bens arqueolóxicos máis singulares no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia». Non se incorporan ao PXOM —e, insisto, van alá tres anos desde a incoación como BIC—, moitas das determinacións publicadas no BOE e no Doga que afectan a esa zona arqueolóxica e á súa contorna. Esta maneira de actuar, aparte do desleixo dos redactores que traballaron (sic) neste PXOM, pode obrigar de novo á Consellería de Cultura a darlle marcha atrás. Se o rexeita outra vez botaráselle a culpa á Xunta (tamén sic), claro. A Lei de Patrimonio Cultural de Galicia establece que o Concello de O Grove tería que incorporar a normativa de protección de Adro Vello ao planeamento urbanístico. Ademais, porque van alá tres anos, teríase que ter xa aprobado un Plan Especial de Protección para garantir a conservación dos seus valores culturais, cun catálogo exhaustivo dos bens que o integran, unha análise da estrutura da zona, normas de protección, condicións para a autorización de licencias, conservación dos inmobles, regulación das actividades económicas, usos públicos, posibles remodelacións, etcétera, entre outras razóns para a seguridade xurídica dos propietarios dos bens incluídos na contorna. Nin se empezou a facer tal Plan. Que alguén ordene non pórlle paus nas rodas a un futuro para Adro Vello, que pode ser tan extraordinario como o seu pasado.