Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O CX Fontecarmoa encara as Ligas Galegas de Clubs con trece equipos

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O seu conxunto de División de Honra, o Viajes Interrías Sanxenxo, debuta en Lugo ante o ELX coa mirada posta na pelexa polo máximo título autonómico

31 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O mes de febreiro arrincará mañá sábado coa disputa da primeira das once roldas —nove na Terceira División— das Ligas Galegas de Club de Xadrez 2025. O CX Fontecarmoa encara a nova edición cun total de trece equipos repartidos entre a División de Honra, a elite autonómica, e a Terceira División.

O CXF Viajes Interrías Sanxenxo volverá ser o conxunto de cabeceira do club vilagarcián. Logo de ser subcampión o ano pasado, e con dous títulos no seu historial, pelexará de novo por tentar proclamarse campión da División de Honra, co ELX coma primeira rival mañá, en Lugo.

Este ano, son tres as caras novas nos seus taboleiros. Os valores emerxentes da canteira Paula Suárez, Mestra Feminina, e Luca Rey, e o Mestre FIDE venezolano Alexánder Zambrano, fichado polo equipo arousán o pasado verán. Para deixarlles oco, varios dos máis veteranos do cadro de xadrecistas do Viajes Interrías optarán por baixar un chanzo e centrarse en colaborar no pulo dalgúns dos equipos do club nas categorías inmediatamente máis baixas. Empezando pola Preferente, de nova creación este ano, na que o CX Fontecarmoa figura coma un dos seus fundadores.

Seguindo estrutura abaixo, a entidade vilagarciá contará este ano con tres equipos na Primeira División, con outros tantos na Segunda e con cinco na Terceira División, ademais dun número inda por determinar nunha Cuarta División que só comezará tras o remate da categoría inmediatamente superior.

Provincial en Fexdega

Un día despois da estrea nas Ligas Galegas, o CX Fontecarmoa completará a súa condición de anfitrión do Campionato Provincial Individual coa disputa, este domingo en Fexdega, da segunda e derradeira xornada, adiada o pasado domingo polo temporal. En xogo, as categorías sub-10, 14 e 18 e o desenlace da absoluta.