Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A vida dos médicos rurais do século XX, a escena no auditorio de Vilagarcía

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Unha charla mañá e unha obra de teatro o venres para lembrar tempos pasados

12 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Concellería de Cultura de Vilagarcía, dirixida por Sonia Outón, vén de presentar a montaxe teatral «Un médico de aldea», un musical que chegará ao auditorio municipal o vindeiro 14 de febreiro ás 20.30. A obra, interpretada pola Escola Municipal de Artes Escénicas da Estrada e a Agrupación Tequexetéldere, ofrecerá ao público un espectáculo cheo de emoción, música e baile. A entrada será de balde.

A historia inspírase na vida e testemuños de Manuel Reimóndez, médico que exerceu durante anos en aldeas do interior da provincia de Pontevedra. A obra recrea, cunha mestura de humor e sensibilidade, as súas vivencias profesionais e os obstáculos que tivo que superar, desde a desconfianza inicial dos pacientes ata a loita contra a superstición. A peza pon en valor o compromiso destes profesionais co benestar da comunidade, máis alá da simple práctica médica.

«A figura de Reimóndez fala da conciencia social e de como axudar aos demais máis alá do profesional», sinalou Sonia Outón, quen destacou tamén que a obra permite reflexionar sobre o papel fundamental que xogan os médicos rurais e a importancia de coidar aqueles que nos coidan.

O espectáculo reúne preto de 50 artistas nunha posta en escena única, onde a música, o baile e o debuxo en vivo se combinan para dar vida a unha historia universal. Tal e como apuntou Xosé Lueiro, produtor da obra, a acollida desta figura na sociedade galega foi sempre excepcional: «A concepción que hai destes profesionais na contorna é incrible, foron persoas moi queridas polos veciños. En calquera vila de Galicia atopamos figuras similares, médicos solidarios que axudaban cando non había nada».

Como complemento á representación, o día anterior, mañá xoves 13 de febreiro ás 20.00, terá lugar na sala de conferencias do Auditorio unha charla titulada «O médico dos pobres». O coloquio afondará na relevancia dos médicos rurais e analizará as figuras de Manuel Reimóndez e José Moreira Casal, médico vilagarcián coñecido polo seu labor humanitario.

«Realmente son dúas figuras que, dentro do atípico, teñen moitas similitudes: o desexo de servir aos demais. De feito, é moi probable que se chegasen a coñecer, xa que foron coetáneos e ambos prestaron servizo na batalla do Ebro durante a Guerra Civil», explicou Lueiro. O encontro contará coa participación de Enrique Reimóndez, neto do protagonista; a historiadora Cloe Troncoso; o propio Xosé Lueiro e tamén Julio Cores, quen achegará a súa visión sobre o impacto destes profesionais na sociedade galega. O acto estará amenizado pola música tradicional do grupo de gaitas Froallo e incluirá a representación dalgunhas escenas en primicia a cargo dos actores Lorena Rozados e Gonzalo Valcárcel. Lueiro destacou a importancia de recuperar a memoria histórica destes referentes, poñéndoos no lugar que merecen: «Xa era hora de que a memoria histórica recupere estes referentes», dixo na presentación.