Dalgunhas caras da corrupción

AROUSA

IRAGO

A transparencia é fundamental en ámbitos como o dos contratos públicos e o urbanismo 

16 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Transparency International é a principal organizacio?n non gubernamental no mundo que busca prever, combater e reducir a corrupción. O primeiro presidente do capítulo español foi A. Garrigues Walker; actualmente é Silvina Bacigalupo, rodeada dun prestixioso grupo de profesores e investigadores. Insiste nos mecanismos fundamentais para evitar ese cancro: transparencia, rendición de contas, información e formación da cidadanía e, en fin, construción dunha cultura de integridade. Dan a coñecer cada ano o chamado Índice de Percepción da Corrupción. Desde 1995 este indicador converteuse no principal medidor mundial da corrupción no sector público. Puntúa 180 países utilizando datos de fontes externas, como o Banco Mundial, o Foro Económico Mundial, empresas privadas de consultoría ou grupos de expertos. Desde 2012 admite a comparación entre un ano e o seguinte. Estes días publicaron o de 2024. O Estado español baixa dez posicións comparado con 2023. Na UE é o 16 de 27, compartindo posición con Chipre e República Checa. Vergonzoso. España non acomete as reformas necesarias, polo que, ademais, o prognóstico é que en anos sucesivos se producirán máis descensos. Sinala, tamén, a aplicación deficiente das normativas anticorrupción como problema persistente de gobernos de todos os niveis —locais, autonómicos, central—. A corrupción é a outra cara da moeda da transparencia: canto menos transparencia, máis corrupción. E son dous os ámbitos nos que actualmente se centra esa putrefacción nas Administracións públicas, sempre vinculada directamente con esa falta de transparencia. A máis habitual é na contratación pública, particularmente nos denominados contratos menores, con actuacións bastas como, por exemplo, a de fraccionar contratos —a condena da ex presidenta do Parlamento catalán nace dun fraccionamento— e ata resulta común que sexa unha soa empresa a que achegue os famosos tres contratos amañados. Repulsivo. O outro ámbito que xera tal perversión é o urbanismo. As armas contra ela son diversas aquí: hai un réxime de declaracións de actividades e bens do persoal directivo das Corporacións e dos funcionarios con habilitación nacional de libre designación; o denominado Estatuto de Integridade que establece a Lei do Solo para esas persoas é pouco eficaz. Esa mesma Lei reforza o control social mediante técnicas de participación cidadá e transparencia, recoñecendo o dereito de todos a participarmos de xeito efectivo nos procedementos de elaboración e aprobación dos instrumentos de ordenación urbanística, podendo formularmos alegacións ás que a Administración deberá responder por escrito de maneira motivada. Son múltiples as sentenzas que insisten na información pública como expresión fundamental da participación no urbanismo e, como reitera o Tribunal Supremo, ese dereito implica recibir unha resposta motivada a cada alegación. Outra manifestación é a posibilidade de calquera persoa de promover accións xudiciais para a defensa da legalidade urbanística, sen que sexa necesario ter interese. A arma decisiva é a transparencia manifestada en que os cidadáns teñen dereito a accederen á información da que dispoñan as Administracións públicas sobre a ordenación urbanística, a seren informados por escrito nun prazo razoable do réxime e condicións urbanísticas aplicables; a que todos os instrumentos de ordenación territorial deban someterse a información pública; a que as Administracións impulsen a publicidade telemática dos plans de ordenación territorial en vigor, así como do anuncio de sometemento a información pública, publicando tamén un resumo executivo; ou acompañar un listado coa identidade das persoas favorecidas por reformas non orixinarias de cada Plan. Nestes dous ámbitos —contratación pública e urbanismo— facer cousas que non contemplen estas medidas é o oposto a unha boa administración, á transparencia e á participación, que son as que definen o chamado goberno aberto.