Da imprudencia punible

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

AROUSA

MARTINA MISER

Andrés Rico transformarase nun símbolo contra a violencia no deporte

02 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Doe, como lle doe a todos, asumir que Andrés Rico, a tranquilidade en persoa, falecese por un ataque irracional en defensa dun neto. Pero, no que atinxe á sociedade, esa súa conduta representará para sempre a defensa duns principios e, por iso, el transformarase nun símbolo contra a violencia no deporte, no que en ningunha circunstancia son asumibles condutas violentas, nin físicas nin verbais. Este tristísimo feito trouxo á actualidade o concepto de homicidio imprudente, unha expresión xurídica que merece explicación. A palabra homicidio —horrible en si mesma— significa, obviamente, matar a outro. O tipo penal básico, con dolo, ten sinalada unha pena mínima de dez anos de prisión. O subtipo -art. 142 do Código Penal- de homicidio por imprudencia distingue imprudencia grave — prisión de entre un e catro anos— e imprudencia menos grave —multa de entre tres e dezaoito meses, a razón dos ingresos diarios do autor—. Desde 2022 o homicidio causado por imprudencia menos grave, a non ser que sexa cometido cun vehículo, ten como requisito de perseguibilidade a denuncia expresa dos agraviados, neste caso cónxuxe e fillos; se non existe, o xulgado arquivará o procedemento e quedará aberta a vía da responsabilidade civil durante un ano. Esta lexislación non está prevista para afrontar as diversas circunstancias que concorren neste feito execrable.

Quizá houbese que lexislar doutro xeito condutas —homicidio, lesións, inxurias— arredor do deporte para erradicalas dese ámbito ao que a xente normal acode por ocio. En todo caso, convén explicar que é a imprudencia desde un punto de vista xurídico. En 1995 pasouse de aplicala a calquera delito a establecela só para casos que se non están lexislados non son delito. Di o actual Código Penal que as accións imprudentes só serán castigadas cando o dispoña a Lei. Quizá influíse nese cambio de numerus apertus a numerus clausus, que os principais focos dos delitos imprudentes estean na circulación viaria, na actividade médica e na seguridade laboral, onde normalmente non concorre dolo —intención de danar—. Mantense o delito imprudente pouco máis que cando se atenta contra a vida ou contra a integridade física. Por iso hai que entender que vén sendo a imprudencia. Dise que é o contrario á prudencia ou capacidade de diferenciar entre actuar de xeito correcto ou incorrecto. A persoa prudente medita e domina sentidos e sentimentos. O imprudente, non: realiza unha acción perigosa que non debería, e dana sen previsión nin cautela, cun resultado evitable. Hai varias clases de imprudencia: a neglixencia, que é non facer o que se debe; a impericia ou carencia de capacidade técnica para exercer unha actividade; a inobservancia de regulamentos, que se manifesta cada día no tráfico. No caso concreto do estimadísimo Andrés o sistema xudicial terá que, en primeiro lugar, ver se hai denuncia dos agraviados —non vale só o atestado—, e, despois, mediante probas, determinar se por parte do autor houbo infracción do seu deber de coidado. Este deber hai que analizalo no contexto, tendo en conta as esixencias que se lle impoñen a calquera persoa —o estándar xeral de comportamento— así como a capacidade do autor para recoñecer e cumprir con esa conduta e evitar o risco, —tan previsible nun lugar con obstáculos e gradas!—. É de supoñer que a defensa do acusado irá no senso de que a morte de Andrés orixinouse nunha actuación imprudente del e que foi el mesmo o que se puxo en perigo. Non é aquí o lugar, pero tamén habería que analizar se houbo dolo, incluso eventual, é dicir: se o autor coñecía e aceptou a probabilidade de que se producise o resultado de morte; o que xa non sería delito por imprudencia. Pero iso será o debate no procedemento penal xunto coa responsabilidade civil, que no sistema español actual cuantificarase como se fose un accidente de tráfico. En todo caso, nin a familia nin os demais volveremos ver a Andrés co seu sorriso pola rúa Castelao nin, probablemente, ningún neno volva soñar subido no cabaliño vermello que tiña diante do seu comercio. Por iso ata estas disquisicións xurídicas son tristes e, quizá, fóra de alugar e tempo.