O PP da Illa ten «serias dúbidas» sobre o novo plan de tráfico e pide unha comisión de traballo
AROUSA

Piden que se teña en conta a opinión dos partidos políticos e dos axentes sociais
11 mar 2025 . Actualizado a las 16:39 h.O grupo municipal do PP da Illa ten «serias dúbidas» sobre a efectividade e os beneficios que vai ter o plan de tráfico anunciado a semana pasada polo alcalde Luis Arosa, un plan que pivota sobre tres eixos: a restrición da circulación para os non residentes, a instauración da zona azul en Area da Secada e dun servizo de autobús lanzadeira para conectar as zonas de praias.
O PP pide que se constitúe una comisión de traballo na que se integren os tres grupos políticos, os axentes sociais e representantes do comercio, a hostalería e a veciñanza «co fin de artellar como facilitar a circulación e a vida diaria dos veciños da Illa» e acordar fórmulas para «a fluidez no tráfico e o estacionamento para os que veñen de fóra», sinalou o voceiro popular Matías Cañón.
A priori, o PP considera que as medidas que propón o goberno bipartito son difíciles de aplicar e non van cubrir as necesidades dos visitantes. «Este plan está collido con pinzas», indican, e poñen exemplos. «A zona azul en Area de Secada e a súa contorna non impide que un veciño chegue a mediodía ou pola tarde e non teña sitio para estacionar e ademais para que a rotación da xente de fóra sexa efectiva e real esixiríase dunha vixilancia constante que deixaría ao resto do pobo sen axentes», apunta o PP. «Os buses lanzadeira desde o Bao para Area de Secada ou O Carreirón non van ser unha opción atractiva para que os visitantes deixen os seus vehículos nos aparcadoiros que hai xusto despois da ponte, posto que esixiría dunha frecuencia moi elevada e duns tempos axustados para que as esperas non se lles fagan interminables e lles compense aparcar alí».