A Real Federación Galega de Vela recoñece o apoio ao seu deporte do Concello de Vilagarcía
AROUSA
O ente premiou tamén os regatistas Pablo Barreiro e Miguel Rey e mais o adestrador olímpico Antón Paz
12 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Real Federación Galega de Vela celebrou a semana pasada a gala anual coa que recoñece os mellores deportistas, técnicos e clubs do país a temporada anterior, pero tamén a aquelas institucións e entidades que destacaron polo apoio ao seu deporte. Neste último grupo figurou nesta edición o Concello de Vilagarcía de Arousa.
Carlos Coira, concelleiro de Deportes e presidente da Fundación de Deportes municipal, foi o representante da Administración local arousá no acto, no que se fixo fincapé na aposta de Vilagarcía pola vela. No 2024, cun esforzo extra para apoiar a celebración nas súas augas do Campionato do Mundo Júnior das clases olímpicas 49er, 49er FX e Nacra 17, con decenas de deportistas, técnicos e árbitros de todo o planeta congregados na localidade galega en xullo, con máis dun chamado a dar o salto á elite en non moito tempo.
«Queremos agradecerlle á Federación a entrega deste galardón, que ratifica o compromiso do Concello con estes e con outros deportes náuticos», declara Carlos Coira, quen engadiu: «Estamos moi orgullosos de ter acollido algunhas das probas máis importantes da disciplina».
Gran protagonismo vilagarcián
Vilagarcía foi unha das grandes protagonistas da gala da Real Federación Galega de Vela no palmarés de premiados. No capítulo de técnicos, con Antón Paz recibindo o premio ao mellor adestrador galego do 2024 tras dirixir ao equipo neozelandés de Nacra 17 ao bronce olímpico nos Xogos de París. E no apartado de regatistas, con Pablo Barreiro e con Miguel Rey campións dos ránkings galegos das clases 420 e ILCA6, respectivamente.