Visita do Cortegada a un ADBA que xoga pola permanencia

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

O equipo vilagarcián sae ás dúas da tarde cara Avilés para xogar ás oito

15 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O cadro de xogadoras e técnicos do Mariscos Antón Cortegada parte nada máis comer, ás dúas da tarde, dirección Avilés con destino a cancha do Aceites Abril ADBA. Só seis horas despois, ás oito, soará o asubío inicial dun duelo no que o cadro vilagarcián deberá demostrar a superioridade que se lle supón ao cuarto clasificado, cun balance de 13 vitorias e 7 derrotas, sobre o antepenúltimo na táboa, co cadro asturiano presentando unha tarxeta de 5-10 que o sitúa na pelexa pola supervivencia na categoría a seis xornadas para a conclusión da Liga regular.

Máis aló do cansazo acumulado por un equipo curto como o que manexa, de tan só oito xogadoras séniores, Álvaro Fernández, técnico do Cortegada, salientaba na véspera do choque a necesidade de evitar que o ADBA despregue o seu xogo aberto, que tanto rédito lle sacan desde o perímetro as súas dúas grandes referencias, a base Sara Fraile e a escolta Ana Fernández. Xunto a elas, a pívot Claudia Alonso, que reúne rebote e capacidade para xerar espazos e asistir ó perímetro. Conseguir unha boa porcentaxe no tiro de tres é a outra clave anotada polo técnico visitante.