Silvia Gago, do Náutico O Muíño, e Jairo Zurita, das Torres-Romaría Vikinga, fanse con cadanseu subcampionato de España de inverno

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Náutico O Muíño

A padexeira do Náutico Pontecesures Paula Caamaño colgouse un bronce na primeira das dúas xornadas en augas de Sevilla

15 mar 2025 . Actualizado a las 20:49 h.

O piragüismo arousán arrincou este sábado a temporada nacional de esprint ratificando a súa fidelidade aos podios das grandes citas. Nas augas de La Cartuja de Sevilla, tres canoístas da comarca completaron outras tantas finais na foto de cadanseu palmarés. A colleita, dúas pratas e un bronce.

A primeira en saborear o seu doce metal foi a padexeira do Náutico Pontecesures Paula Caamaño Villanustre. Cun crono de 28 minutos, 42 segundos e 78 centésimas, subiu ao terceiro chanzo do caixón de honra da final da proba do C1 5.000 Muller Sub-23. Diante dela, Ana Cantero, do Círculo Mercantil, vixente campioa do mundo de relevo mixto de C1 5.000 da categoría, que empregou en Sevilla un tempo de 27.04,29, e a tamén medallista internacional Viktoriia Yarchevska, do Pinatarense, segunda en 28.05,39.

Pouco tardaría en chegar a segunda grande alegría arousá da primeira xornada do Nacional de Inverno. Silvia Gago García, do Náutico O Muíño de Ribadumia, obtiña a primeira recompensa á súa valente aposta por deixar o seu fogar e cruzar media España para enrolarse o pasado outono no equipo nacional júnior de canoa en Murcia. Na final do C1 5.000 Júnior Feminino, Gago rematou subcampioa de España cun crono de 36.16,69, a 40 segundos da nova raíña da categoría na primeira gran cita da temporada, Marta Candón, do Círculo Mercantil. Lara Remigio, compañeira de club e de equipo nacional de Silvia Gago, finalizou quinta.

O outro subcampionato arousán da xornada inaugural leva o nome de Jairo Zurita Mollinedo. O padexeiro das Torres-Romaría Vikinga de Catoira completou a final do C1 5.000 Júnior Masculino en 25.31,72, a 15 segundos do título, en mans de Héctor Vázquez, do Fluvial de Lugo.

A cita de Sevilla ofrece este domingo outras oito finais, con moitas opcións de máis medallistas arousáns.