Dunha necesaria homenaxe para aprender

Avelino Ochoa
Avelino Ochoa O GROVE

AROUSA

VÍTOR MEJUTO

A costa sur de San Vicente perdeu o seu valor por estar completamente urbanizada 

23 mar 2025 . Actualizado a las 10:17 h.

E San Vicente do Grove vén padecendo o fenómeno do turismo depredador desde hai décadas, cun prexuízo permanente para os seus veciños, que sempre son os damnificados. Os demais lugares de Galicia que foron dotados pola natureza de espazos consumibles por ese turismo están na mesma situación: veciños empobrecidos polas afeccións ao seu patrimonio, por impostos excesivos derivados dun suposto maior valor dos seus terreos e xeralmente sen servizos municipais axeitados, a pesar de sustentar toda a industria que nace arredor dese turismo. Ademais, a cobiza usurpadora sobre os espazos de man común, xeralmente atractivos, leva a eses veciños a teren que estar en loita permanente na defensa do propio. A creación da Comunidade de Montes de San Vicente supuxo un stop a unha permanente actividade delituosa de apropiación de terreos comúns, aínda que hoxe ten que seguir a defenderse en solitario de usurpacións consumadas e de novas tentativas. Espazos como os ocupados na zona da Lanzada por organismos públicos e por particulares, provocan unha litixiosidade permanente, cunha, tamén constante e incomprensible, conivencia das Administracións públicas que ou pechan os ollos ou axudan aos invasores. Só o sacrificio persoal e a valentía dos veciños, procesados en diversas ocasións, permite a permanencia deses territorios no común. Aínda que non chegan a tempo para todo. Pero seguen sós, lamentablemente. Esa loita persoal e en soidade foi unha constante desde que o fenómeno turístico empezou a asolar os espazos naturais de San Vicente, como o de outros lugares. O turismo de praias chegou aquí polos anos cincuenta. Unha visita en iate de Fabiola de Bélxica aos fondeadoiros de Area da Cruz, Seixeliño, Espiño e Barrosa abriulles os ollos a promotores urbanísticos que naquela etapa do «desarrollismo» contaron co apoio das institucións. Aos veciños de San Vicente compráronselle, nalgúns casos forzados, os terreos a prezos de risa, dicíndolles que eran areeiros improdutivos eque ían crearse postos de traballo e negocios e que lles cambiaría a vida para ben. Todo mentira, como sempre. O único que queda son edificios que desnaturalizan a zona e, ademais, contaminan as augas mariñas dun xeito incesante. Aparte de citar aos sucesivos responsables da comunidade de montes quero lembrar expresamente a veciños que sufriron represión, cadea e multas por defender o común, por exemplo por feitos ocorridos xa estreada a democracia. Di unha das malfadas sentenzas: «Que el día 3 de diciembre de 1977, un grupo de vecinos del término municipal de El Grove, previamente concertados, se personaron en los terrenos que ocupa la urbanizadora Balea Marítima y por entender que tales terrenos eran de propiedad vecinal los invadieron, causando destrozos en los cierres, edificios y servicios empleando para ello los instrumentos -azadones, picos, palas, etc.- que encontraron en la misma obra». Resultaron condenados Xosé Fuentes Castro, Jesús Antonio Garrido Fernández, José Francisco Fernández Prol, Alfredo Martínez Muñiz, Manuel Santos Prol Padín, Manuel Díaz Álvarez, Elisardo Vidal Corbacho, Antonio Rodríguez Bernárdez, José Vidal Vidal, Carmen Castro Castro, Carmen Meis Castro, María Dolores Aguín García -foi absolto o seu marido Pepe Lores-, Juan Vidal Castro, José Luis Vidal Castro, José Muñiz Vidal e Manuel Ochoa Vidal. Nesa época ocorreron feitos parecidos, quizá non tan perseguidos xudicialmente, como foron a canteira de Raimundo Vázquez ou o tema de Grovelán, e algo máis tarde a eliminación das canteiras. Poderíase dicir que esas persoas condenadas fracasaron na loita en defensa do común; pero é que se enfrontaron daquela a un sistema poderoso que tiña no fomento do turismo un leit motiv. Hoxe vemos que o sistema gañou a custa da desfeita da costa e de consolidar as usurpacións. Eses veciños perderon liberdade e bens. Coa valentía de enfrontárense a ese sistema agora sabemos que tiñan razón, por moito que o monstro siga vencendo. Honor para eles. Falta homenaxealos por ver se fomos aprendendo algo.