Os Ingleses cae nas semifinais polo título de Liga coa sensación de ter rematado no seu teito este curso
AROUSA

O conxunto vilagarcián perdeu 51-12 ante o CRAT
25 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O resultado non leva a engano. Os Ingleses R.C. pouco puideron facer o pasado sábado na súa semifinal, a partido único e en campo dun rival mellor clasificado na fase regular da Liga, ante o poderío e a maior orde demostrada polos xogadores do CRAT da Coruña: 51-12.
Puido semellar nos primeiros vinte minutos de xogo que o duelo entre o segundo e o terceiro clasificados da Primeira División Galega podería ter longo percorrido. Tras un golpe de castigo que poñía 3-0 no marcador, Os Ingleses convertía o primeiro ensaio do choque, desfrutando da súa única vantaxe.
A partir de aí, co vento a favor do cadro herculino na primeira parte, sucesivos erros visitantes nas placaxes facilitáronlle ao CRAT o dominio do xogo, ata o punto de ter resolta xa a semifinal polo título de Liga ao descanso cun contundente 38-5.
O adestrador dos Ingleses, David Lema, lembraba onte as numerosas baixas coas que encarou o duelo o seu equipo. Con todo, deixa claro que o triunfo do CRAT se sustentou sobre a superioridade global dun conxunto «moi ordenado, que sabe cando ten que xogar os golpes de castigo a paus», di.
Chegados a este punto, Lema valora a temporada de rugbi 15 dos Ingleses: «Penso que chegamos ao noso cumio. O terceiro posto era o noso teito, dadas as baixas que tivemos durante todo o ano e as dificultades para reunir xente nos adestramentos».