Uxía Rodríguez gaña a Copa Galicia Internacional de ximnasia de trampolín estreando categoría
AROUSA

A cambadesa brillou na súa primeira competición na franxa de 15-16 anos
25 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A cambadesa Uxía Rodríguez Fernández estreouse a pasada fin de semana na categoría de 15 e 16 anos da ximnasia de trampolín. Fíxoo na décimo quinta edición da Copa Galicia Internacional, que este ano incorporou o apelido de primeiro Memorial Pablo Hinojar, na memoria do adestrador que máis ten feito por potenciar este deporte no país e técnico, entre outros, da propia Uxía Rodríguez. A arousá respondeu brillantemente ao seu novo reto deportivo, e nunha cita con máis de 300 competidores españois e portugueses, sumou un título e dúas medallas.
O venres a integrante do Club Ximnasia Pontevedra e pupila de Sara Couñago no Centro Galego de Tecnificación Deportiva conseguía a clasificación para a final de tumbling, facendo o propio un día despois na de Dobre Mini Tramp, a súa disciplina favorita. En tumbling colgouse o bronce, superada tan só pola tinerfeña Martina Muñoz, ouro, e pola burgalesa Elia Páramo. Na final de DMT, Uxía Rodríguez Fernández proclamouse campioa, coa madrileña Cintia Poyatos e coa lusa Matilde Meireles acompañándoa no podio.