Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Pinocho: a maxia do único circo en galego

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

A carpa do neno de pau está a percorrer Galicia cun espectáculo de teatro musical, acrobacias e malabarismo en dúas horas que se apuran dun grolo

07 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A memoria consciente é outra cousa e ten as súas trampas. Pero aló, moi no fondo do mundo interior de cada quen, fican tatuadas impresións gañadas cando un a duras penas sabía falar e a vida toda estaba por descubrir. Imaxes e sensacións que sempre acompañan no camiño. Cando a porta da carpa queda abrochada e as luces esmorecen, abonda con comprobar o abraio nas olladas dos pícaros para saber de certo que este circo de Pinocho que estará en Vilagarcía ata o 13 de abril vai procurar ao seu pequeno público unha desas experiencias inesquecibles co seu delicado traballo escénico.

«Dende os once anos de labor que levamos xa no eido do teatro familiar e infantil, podo asegurarche que a acollida deste circo está a ser moi boa», explica Xandre Vázquez, mestre de cerimonias de Educateatro Producións, a compañía que sostén este delicioso espectáculo. Ideado para meniños a partir dos dous anos, en realidade resulta magnífico para calquera que se deixe caer estes días polo Ramal, sexa cal sexa a súa idade.

«O que ofrecemos é circo clásico. Malabarismo, acrobacia, equilibrios, trapecio, moito humor, pero non se trata dunha colección de números, un atrás do outro, senón dun relato que se vai despregando cunha boa dose de teatro musical». A historia comeza onde a deixa a versión coa que Disney inmortalizou no celuloide o xenial relato de Carlo Collodi. Pinocho, aquel boneco de pau que mudou nun neno de verdade, ten a ilusión de crear un circo. Vai ser o seu pai, o carpinteiro Geppeto, quen lle forneza dos seus artistas, monicreques que, coma el, cobran vida. Pero o feitizo da fada Mimadriña que os anima ten tamén o seu reverso escuro, e cobra coma prezo o regreso de Pinocho ao seu ser de madeira. El e Pepiño Grilo terán que buscar o xeito de revertelo e, por se fose pouco, pelexar coa desleal competencia de Chinche Chinchón, que teima en lles arrebatar os seus compañeiros.

Cada función dura dúas horas, co seu descanso, que pasan voando e se apuran coma un grolo refrescante. Circos houbo uns cantos en Galicia, probablemente o máis recordado sexa o da Cidade dos Muchachos, pero integramente en galego só se desenvolve este grande espectáculo organizado en torno a o neno de pau. «A música, a lingua e a diversión son os piares fundamentais dos nosos traballos», subliña Xandre, a quen acompañan Paulo Medal na creación musical (todas as cancións son propias), Pablo Giráldez Pastor na escenografía, Alicia Root no vestiario e Manel Millán na iluminación, ademais de Uxía Algarra, Roberto Casal, Noel Fandiño, Jano Costas, Gema Escobar, Pedro Torres, Conchi Garea e David Candela no elenco. Cando deixe as terras de Arousa, a carpa tocará Moaña e probablemente Pontevedra ou Vigo e A Coruña antes de pór fin á tempada. É tempo de maxia.

MARTINA MISER

O neno de pau. Pinocho ofrece dúas horas de circo clásico e unha historia na que as nenas e nos nenos terán que axudalo nas súas andanzas. Esta carpa dos soños está en Vilagarcía e recalará a continuación en Moaña, e probablemente tamén en Pontevedra ou Vigo.