
Mecos presenta sete tripulacións, tres Vilaxoán e dúas Amegrove
13 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Campionato Territorial Sur de Bateis arrincou onte en augas do porto de Vilaxoán coa disputa das quendas de clasificación para as finais desta mañá, no mesmo escenario. O número de barcos inscritos fixo precisar tan só o uso da peneira na metade das doce categorías de idade da modalidade menor do banco de remo fixo, coas seis restantes co número xusto de cinco tripulacións, ou mesmo menos, entrando en cadansúa finais directas.
No tocante aos clubs da comarca, o C.R. Mecos foi o que amosou un maior poderío na primeira xornada, clasificando a catro dos seus seis bateis na auga. Concretamente, o infantil feminino e cadete masculino, ambos os dous gañando as súas quendas, e absoluto feminino e o alevín masculino, segundos. O anfitrión, C.R. Vilaxoán, meteu onte nas finais de hoxe os alevíns, por tempos, e o batel absoluto masculino, que gañou a súa quenda, con Amegrove accedendo á final por tempos.
Así as cousas, esta mañá, desde once, haberá unha ducia de tripulacións arousás nas doce regatas por outros tantos títulos provinciais e polas catro prazas con dereito a remar a vindeira semana, en Bueu, o Campionato Galego de Bateis, porta de acceso ao Campionato de España. Estes son hoxe os participantes en cada categoría.
Alevín feminina: SD Tirán, SD Samertolameu, CCD Cesantes e CM Bueu. Infantil feminina: SD Tirán, CR Vila de Cangas, SD Samertolameu, CR Chapela e CR Mecos. Cadete feminina: CR Vila de Cangas, SD Samertolameu, CR Chapela, CCD Cesantes e SD Tirán. Xuvenil feminina: CR Mecos, CR Chapela, CM Bueu, SD Samertolameu e CCD Cesantes. Absoluta Sub-23 feminina: CR Chapela, CR Robaleira, Amegrove CR e CM Bueu. Absoluta feminina: CR Vilaxoán, CR Moaña, SD Tirán, CR Chapela e CR Mecos. Alevín masculina: CR Robaleira, SD Samertolameu, CR Vilaxoán, CR Chapela e CR Mecos. Infantil masculina: SD Tirán, CR Chapela, CR Bueu, SD Samertolameu e CR Vila de Cangas. Cadete masculina: CR Robaleira, CR Mecos, SD Tirán, SD Samertolameu e CR Chapela. Xuvenil masculina: CR Chapela, CR Mecos, CR Bueu, CCD Cesantes e SD Samertolameu. Absoluta Sub-23 masculina: CR Chapela, SD Samertolameu, SD Tirán, CR Mecos e CM Bueu. Absoluta masculina: CR Vilaxoán, SD Samertolameu, Amegrove CR, CR Chapela e CR Moaña.