Jéssica Bouzas gaña a grega Sakkari en tres sets na súa estrea no Open Capfinances Rouen Métropole
AROUSA

A vilagarciá enfróntase hoxe a francesa Varvara Gracheva na segunda rolda do torneo WTA 250 francés
17 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Sen apenas tempo de poder gozar dun novo fito na súa inda curta carreira profesional, liderando a pasada fin de semana como número un do equipo e dúas vitorias a selección española cara a final a oito da Billie Jean King Cup, Jéssica Bouzas Maneiro iniciaba este martes o seu segundo torneo sobre terra batida da temporada. En solo francés, nas pistas do Open Capfinances Rouen Métrople, un WTA 250, a vilagarciá sumou a súa sétima vitoria do ano. Fíxoo a costa da veterana xogadora grega Maria Sakkari, en tres sets e 1 hora e 44 minutos de xogo.
Bouzas Maneiro impúxose na primeira manga cun contundente 6-0, ao que a súa rival helena respondeu cun 6-3 ao seu favor no segundo parcial. Este último foi o resultado do terceiro set, só que, como o primeiro, caeu do lado da tenista galega, que con 22 anos e tras non competir a semana pasada no circuíto profesional para cumprir coa chamada da capitana do equipo nacional español da BJKC, caeu catro postos no ránking WTA, do 69 ao 73. Sakkari, de 29 anos, arrincaba esta semana no número 82.
Hoxe, Jéssica enfróntase a xogadora francesa de 24 anos Varvara Gracheva, actual número 67 do circuíto mundial. Faino coa moral polas nubes, logo de encadear por primeira vez este ano tres vitorias. E nada menos que ante toda unha número 17, a brasileira Beatriz Haddad Maia, e a 33, a checa Linda Noskova, na BJKC, antes de facer o propio con Sakkari. De gañar tamén hoxe, Bouzas enfrontaráse á gañadora do duelo entre as ucraínas Svitolina, WTA 18 e primeira cabeza de serie en Rouen, e Kalinina, WTA 65.