Calasanz, Xuventude Oroso, Val Miñor e o debutante San Tirso sacan billete para o AF7
AROUSA

Arredor de 3.500 afeccionados seguiron a fase previa nos dous campos da Senra de Ribadumia
22 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 completou o pasado domingo a fase previa da que, como xa é tradición, saen os catro primeiros nomes do cartel dun dos torneos de maior nivel da categoría a nivel europeo: A ED Val Miñor e o San Tirso SD da Coruña, na primeira quenda disputada entre o Xoves e o Venres Santo, e o CD Calasanz da Coruña e o ED Xuventude Oroso, na segunda, con outros 40 equipos en lid entre o sábado e o Domingo de Resurrección.
Dos catro equipos apuntados, todos agás o San Tirso SD teñen no seu currículo a lo menos un par de pases á fase final do AF7, que este ano decidirá o nome do gañador da súa vixésimo oitava edición os días 30 e 31 de maio e 1 de xuño, domingo.
«Deportivamente, estivo bastante igualado», comentaba o día despois da conclusión da cita nos dous campos da Senra o voceiro do torneo. Alberto Diz sinala que «case sempre soe haber oito equipos por quenda —un de cada cinco en lid— con capacidade para pasar». Desta volta, co Pabellón Ourense e co Lanzarote coma grandes candidatos que quedaron preto pero fóra do corte de cara a figurar no gran cartel final.
Completada outra previa, na organización do Arousa Fútbol 7 «temos a percepción de que a previa ten entidade en si mesma», comenta Alberto Diz, ata o punto de que «desde fóra se vive como a gran competición na que se quere participar». E xa non só os equipos e os seus novos xogadores, tamén e cada vez máis, sinala, as súas afeccións.
E iso, inda a pesar de tratarse dunha das edicións nas que máis auga caeu, antes e durante os partidos da fase previa, a única nota negativa apuntada polos responsables do torneo internacional. Unha situación meteorolóxica cunha derivada en forma de aumento das lesións respecto á media doutras edicións da fase previa, desvela Diz.
Arredor de 3.500 afeccionados
Pese a toda a chuvia que caeu, o Torneo Internacional Alevín Arousa Fútbol 7 viu reflectido ese interese crecente entre os seareiros dos clubs participantes, o groso procedente das catro provincias de Galicia, pero tamén con equipos de media España e de Portugal, nas gradas repletas dos dous campos do complexo municipal da Senra. «Calculamos entre 3.000 e 3.500 afeccionados. Agás a primeira hora da mañá e a última da tarde, as gradas víanse cheas», recorda Alberto Diz. E iso estendeuse aos locais de comidas de Ribadumia e da contorna: «Houbo dificultade para topar onde comer se non tiñas amarrada a reserva». Unha imaxe que reforza a aposta do Concello de Ribadumia polo torneo.