Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A Federación Galega Contra o Narcotráfico reclama máis medios de todo tipo na loita fronte a un mundo da droga en auxe

P.P. Vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A entidade entregará o vindeiro mércores os seus Premios Nécora en Vilagarcía de Arousa

24 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Pedimos máis medios para a loita contra o narcotráfico dos corpos e forzas de seguridade do Estado, porque se non, isto se nos vai ir das mans». Esta é a mensaxe que, por boca do seu xerente, Fernando Alonso, a Fundación Galega Contra o Narcotráfico (FGCN) quere lanzarlle á sociedade, pero sobre todo ao Goberno de España, aproveitando o escaparate que a vindeira semana se abre co gallo da vixésimo segunda edición da gala anual da entidade. Un evento programado para o mércores 30 de abril no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, no que se entregarán os Premios Nécora cos que o padroado da FGCN recoñece a persoas de colectivos profesionais e entidades que colaboran con ela no combate ao tráfico de substancias estupefacientes e o seu consumo. A identidade dos galardoados será desvelada dous días antes, este próximo luns.

Acompañados polo concelleiro de Obras de Vilagarcía, José María González, o presidente da Fundación, Manuel Couceiro, o seu vicepresidente, Enrique León, a integrante do padroado Sofía Beiras e o propio xerente informaron en rolda de prensa das datas da gala anual, que será amenizada por Cantos da Terra, e aproveitaron para reiterar a mensaxe que a FGCN lles leva trasladando desde hai anos aos responsables políticos da loita contra o narcotráfico: fan falta moitos máis recursos.

«Atopámonos nun tempo difícil, complicado, no que cada vez hai máis droga, máis violencia arredor dela e é algo que vai in crescendo», sinala Fernando Alonso, para acto seguido facer un chamamento a apuntalar o traballo dos corpos e forzas de seguridade do Estado: «Pedimos máis medios humanos e materiais. O seu défice vese aquí mesmo, en Vilagarcía, cos narcopisos, coa Policía Nacional sen medios suficientes para vixialos e intervir neles. Pedimos máis medios tecnolóxicos e máis medios legais, permitíndolles aos corpos e forzas de seguridade maiores facilidades para, por exemplo, poñer escoitas telefónicas, balizas de seguimento...» E a todo o anterior, o xerente da Fundación suma a reclamación dun cambio nas fianzas aos investigados polo tráfico de substancias estupefacientes, en tanto «as que se impoñen hoxe son irrisorias en proporción ao delito cometido e ao patrimonio destes suxeitos», que poden volver á rúa o mesmo día das súas detencións pagando 30.000 ou 40.000 euros, lamenta.

Lonxe de mellorar, o panorama global non deixa de ir a peor, advirten desde a Fundación Galega Contra o Narcotráfico, cun «escenario de crecente violencia, cos traficantes cada vez máis armados, xa mesmo con armas pesadas, coma fusís de asalto» e o uso de medios tan avanzados coma somerxibles, recordando o padroado da FGCN na presentación da gala que xa son tres os detectados nas costas galegas.

Así as cousas, o xerente da entidade subliñou a urxencia de aplicar por parte do Estado español unha política de tolerancia cero co narcotráfico. «Cambiemos, porque se non, isto se nos pode ir das mans», concluíu.

No medio desta emerxencia, nos últimos tempos máis visible na contorna do estreito de Xibraltar e nunha cada vez maior porción da ampla costa de Andalucía, os reitores da Fundación Galega Contra o Narcotráfico poñen en valor a súa gala e os seus premios anuais. Unha fiestra que «reúne a todas as partes da sociedade implicadas no problema: Policía Nacional, Garda Civil, Aduanas, xuíces, fiscais, autoridades e unha representación de toda a sociedade», salienta Fernando Alonso, e que o vindeiro día 30 servirá, un ano máis, para visibilizar que «en Galicia non queremos drogas nin narcotraficantes», declaran desde a FGCN.