Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

O Asmubal recupera a Eli Méndez e a Paula Rey para o primeiro asalto co Lleida

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O equipo abre con todos os seus efectivos o cruce por entrar na fase final de ascenso

26 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O Inelsa Solar Asmubal Meaño empeza hoxe a gozar do bonus que acompaña o seu histórico título de campión de grupo da Liga de División Honor Plata Femenina. Desde as 19.30 horas, no Pavelló Municipal Onze de Setembre, o conxunto do Salnés disputa a ida do seu cruce co subcampión do Grupo C, o Lleida Hanbol Club. Do que ambos equipos sexan quen de facer hoxe e o sábado 3 de maio no parqué do Coirón Dena sairá o nome do dono dun dos billetes á fase final a catro polo ascenso á segunda categoría do balonmán feminino español, a DH Oro.

O equipo que dirixe Juan Manuel Costas chega case nas mellores condicións posibles. Mental e animicamente, coa inxección de confianza de ter sido o primeiro conxunto do balonmán arousán en conquistar un título en competición nacional. E pola parte física, co seu técnico podendo dispoñer, a lo menos sobre o papel, das súas dezaseis xogadoras séniores. Incluídas a extremo Paula Rey e a central Eli Méndez, dous puntais do equipo que hai un mes se daban por perdidas ata a vindeira temporada logo de mancarse no quecemento, a primeira, e no inicio dos 25 minutos disputados en diferido o 20 de marzo contra o Carballal e que non se puideran dirimir na xornada correspondente por un apagón parcial na cancha meañesa.

Mancada no xeonllo dereito que a temporada anterior se rompera, manténdoa practicamente todo ese curso no dique seco, Eli Méndez recibía a semana pasada a alta unha vez confirmado que desta volta só sufrira a rotura parcial do ligamento cruzado da articulación e que as súas sensacións confirmaban o froito do traballo realizado co preparador físico e readaptador do equipo, Guillermo Martín. Paula Rey tivo a luz verde médica inda esta semana, no seu caso, tras sufrir unha micorrotura no sóleo.

«Eli e Paula viaxan con moitas reservas. Xa veremos se xogan», comentou Juan Manuel Costas pouco antes de partir en furgonetas xunto ao resto da expedición do Asmubal cara Lleida. Con só tres adestramentos a central e un par deles a extremo, o estratega do salto de calidade do conxunto meañés dubidaba onte inda se a mellor opción con ambas as dúas non será reservalas para o partido de volta. Un dilema que, a bo seguro, disipará a marcha progresiva do duelo esta tarde.

E é que Costas é plenamente consciente do difícil que resulta a empresa que o Inelsa Solar ten por diante nestes oito días, lembrando que o Lleida foi segundo do potente grupo catalán e valenciano só 2 puntos por debaixo do campión, o OAR Gracia Sabadell, e tras gañarlle os seus dous duelos directos na Liga. Afeito a xogar con defensas abertas, en 4-2 ou en 5-1, o Lleida tamén soubo espremer unha 6-0 para sorprender, por partida dobre, o Sabadell no campionato regular. Henar Martínez, unha central de só 22 anos que o Asmubal coñece de padecela noutro rival cando xogara a fase de ascenso a Plata en Canarias, e a lateral esquerda Cati Casasola, co seu potente lanzamento e un contra un, son as xogadoras diferenciais do rival meañés.

Con todo, máis cos nomes, o que preocupa a Costas son as ligas de procedencia de ambos os dous contrincantes: «O Grupo A é o de menor ritmo de xogo. Nos outros tres grupos o ritmo é moito máis alto», di. Un factor desnivelador, como o propio Asmubal padeceu nas súas carnes hai dous anos a mans do Mislata valenciano. «Se somos quen de aguantar o ritmo do Lleida e de xogar con calma, teremos as nosas oportunidades», sostén o técnico galego, convencido de que o Asmubal dispón dun cadro de xogadoras de maior e mellor profundidade.