Agora si, o Arousa pecha o equipo, cun segundo complemento na punta de ataque para Rivera
A ILLA DE AROUSA
Duque, con experiencia na Segunda RFEF, chegará procedente de Australia
02 sep 2024 . Actualizado a las 21:50 h.Advertira a semana pasada da posibilidade na presentación do punta Álex Compa, e este luns a dirección deportiva do Arousa anunciou o que, desta vez si, é o futbolista que vén pechar o cadro de xogadores cos que Míchel Alonso tentará devolver o club vilagarcián á Segunda RFEF. O dianteiro Miguel Ángel Duque (A Coruña, 9 de setembro de 1997) fichará a mediados deste mes polo cadro arlequinado, unha vez conclúa a súa efémera aventura no balompé de Australia.
Este foi o destino que Duque escolleu para volver sentirse futbolista, logo dunha aciaga campaña nas filas do Racing Vilalbés de Segunda RFEF, unha experiencia anecdótica a causa dunha rotura de ligamento cruzado.
Formado na canteira do CD Lugo, Duque iniciou a súa etapa sénior no filial do club da cidade da muralla, o Polvorín, para traballar ás ordes do que volverá ser o seu adestrador, Míchel Alonso, na UD Somozas e no Rápido de Bouzas. Neste último equipo, na Segunda División B. Bergantiños e CD Barco, na Terceira, foron os seus seguintes destinos antes da súa estrea na Segunda RFEF na que tamén foi a súa primeira campaña fóra de Galicia, nas filas do Palencia Cristo Atlético.
«Rápido, traballador, humilde e creador de ocasións de gol». Así se define Duque, informa o Arousa. O xogador considera ter atopado «o mellor lugar e momento para resarcirme» da súa mala experiencia en Vilalba «e axudar o equipo» na súa meta do ascenso.
O seu de novo adestrador, Míchel Alonso, refírese a Duque como «un extremo derecho, que puede jugar también como segundo delantero». Neste punto, o técnico do Arousa salienta que coas fichaxes de Álex Compa e de Duque, pasa a dispoñer xunto a José Rivera de tres homes «compatibles en cualquier combinación entre ellos» cando Míguel Alonso considere oportuno xogar con dúas referencias ofensivas. Rivera e Álex Compa, cun perfil de dianteiros de área, e Duque, como ese especialista en atacar o espazo despregando un xogo máis vertical.
Javi Rey e Álex Compa contaron cos seus primeiros minutos no derradeiro test dos de Alonso: 1-3 ao Céltiga
O Arousa completou o domingo o seu calendario de partidos de preparación. Fíxoo a última hora da tarde, sobre o céspede do campo municipal Salvador Otero, medíndose ao Céltiga no Trofeo Concello Illa de Arousa-Memorial Alejandro García. O resultado, 1-3, e a oportunidade de ver por primeira vez en acción coa camiseta arlequinada a Álex Compa e a Javi Rey, este último tras completar a recuperación dunha lesión arrastrada do curso pasado no Talavera de Segunda RFEF, deixaron satisfeito o adestrador do Arousa.
«Estamos contentos, con buenas sensaciones», declara Míchel Alonso, que salientou o nivel do rival no derradeiro test do cadro vilagarcián antes do inicio da Liga: «El Céltiga es un equipo que no está en Tercera por muy, muy poco, con una plantilla que ha confeccionado para volver a pelear por el ascenso». A vindeira parada do Arousa será este domingo, ás 18 horas na Lomba na primeira xornada de Liga fronte á Sarriana.