O BNG pide no Parlamento que a Xunta colabore no financiamento da obra da depuradora da Illa
A ILLA DE AROUSA
Presenta unha proposición non de lei para que «rectifique» e asine un convenio con Acuaes, que vén de contratar a obra por 7,5 millóns de euros
27 sep 2024 . Actualizado a las 15:51 h.O BNG presentou unha proposición non de lei para solicitar que a Xunta de Galicia colabore no financiamento da construción da nova estación de tratamento de augas residuais (EDAR) da Illa vía convenio con Aguas de las Cuencas de España (Acuaes), do Ministerio para la Transición y el Reto Demográfico.
O xoves coñeceuse a noticia de que Acuaes vén de contratar esta obra por valor de 7,5 millóns de euros. Desa cifra, o 20 % corre por conta de fondos municipais, cantidade que o Concello sufragará co 1,7 millóns de euros que vai percibir de Espina e Delfín como compensación pola prórroga da concesión do servizo municipal de abastecemento de auga por outros vinte anos.
O BNG pretende que estes cartos saian das arcas autonómicas no canto das do Concello e pídelle ao Parlamento galego que inste a Augas de Galicia a colaborar no financiamento da nova EDAR de Niño do Corvo como fixo en concellos como Ribeira e Santiago, explican os nacionalistas.
«Pedimos que a Xunta faga o que debe facer calquera goberno preocupado polo saneamento das rías, en concreto da ría de Arousa. (...) Vinte anos despois segue sendo unha materia pendente, o saneamento ten que deixar de ser un titular de prensa», segundo indicou a deputada do BNG, Montse Prado.
A nacionalista compareceu este venres xunto ao voceiro do BNG e primeiro tenente de alcalde da Illa, Manuel Suárez, para presentar a iniciativa parlamentaria que se vai debater en comisión. «A Xunta chega tarde ao saneamento do país e, ademais, fai desleixo de funcións», indicou Suárez en alusión á falta de financiamento autonómico para a nova depuradora, non sen lembrar que o BNG xa solicitou estes fondos vía emenda aos orzamentos da Xunta.