O PP da Illa pide que se revise a prórroga do contrato da auga con Espina y Delfín
A ILLA DE AROUSA
Presentarán unha alegación por rexistro e, de non ser tida en conta, levarán unha moción ao pleno. Alertan dunha posible subida das taxas e acusan ao goberno de «especular»
03 oct 2024 . Actualizado a las 15:47 h.O PP da Illa xa deixou claro no pleno de setembro que non está conforme coa extensión da prórroga do servizo de subministración de auga potable por vinte anos á actual concesionaria, Espina y Delfín, e hoxe informan de que presentarán unha alegación contra este acordo —que en caso de non ser tida en consideración trasladarán ao pleno, vía moción— argumentando que a primeira prórroga do contrato do ano 2009 adoptouse de xeito irregular. O PP pretende que se «reconsidere» o acordo adoptado cos votos dos PSOE e o BNG, «apostando pola redacción dun novo prego e a licitación cun novo contrato».
En función desta prórroga, a concesionaria comprométese a entregar 1,7 millóns de euros ao Concello, que se empregarán para financiar a construción dunha nova depuradora de augas residuais en Niño do Corvo. Desde a alcaldía defenden este acordo como o mellor posible para asegurar o financiamento da parte municipal dunha obra que ascende a 7,5 millóns de euros, pero no PP non fan esta lectura.
«Para que o goberno poida tapar a súa ineficacia, vainos condenar a unhas taxas estratosféricas polo abastecemento. O goberno local está tratando de facer negocio cun servizo tan básico como o da auga a costa da xente da Illa e cun fraude de lei, alegando que a prórroga se xustifica por investimentos necesarios», din no PP. «Trata [o goberno local] de obter 1,7 millóns de euros para a súa achega da EDAR porque a súa nefasta xestión económica de todos estes anos ten ao Concello sen un euro e non teñen outro modo de conseguir estes cartos máis que especulando», manifestou o concelleiro do PP, Matías Cañón.