Helena Domínguez faise co primeiro premio Luís Rei cunha investigación sobre talasonimia
A ILLA DE AROUSA
Doutora en Comunicación e Xornalismo, a autora asina o texto Cons, touzas e petóns: talasonimia da ria de Arousa
21 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.O primeiro Premio de Investigación e Cultura Marítima Luís Rei xa ten nome. A súa gañadora, Helena Domínguez, licenciada en Ciencias da Información e doutora en Comunicación e Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e cunha tese sobre o conflito político na prensa galega, fíxose co premio grazas ao texto Cons, touzas e petóns: talasonimia da ría de Arousa.
O xurado, composto por Francisco Fernández Rei, María del Mar Linares García, Lino Prieto Rol, Bruno Padín Portela e Susana María Sánchez Arins, en representación de Culturmar, destacou a contribución do traballo á talasonimia, «unha rama da onomástica pouco desenvolta en Galicia», din,, engadindo que estuda os nomes do mar xenéricos da ría de Arousa, como cabezo, golfeiro ou lombo, «e sobre todo, presenta un corpus completo de talasónimos da Illa de Arousa e do arquipélago dos Xidoiros con análise detallada de cada un deles», subliñan.
O documento baséase en fontes históricas e cartográficas, na consulta de cadernos de marca feitos por mariñeiros con referencia no mar e na terra, e tamén na recolleita de material oral de xentes da Illa, que levan moitos anos traballando arreo pola socialización do patrimonio marítimo. O texto premiado, dotado cun galardón económico de 1.500 euros, que conta con financiamento do Plan + Provincia da Deputación, vén destacar a importancia da figura do escritor Luís Rei, insigne investigador da cultura marítima que deixou bo legado na material. O Concello do Grove fomenta deste xeito a recuperación do patrimonio marítimo, campo que non deixa de medrar grazas a entidades comprometidas en poñer en valor este eido tan importante en vilas mariñeiras como é a grovense.