Haberá catro proxeccións no auditorio, con entrada de balde
09 ene 2025 . Actualizado a las 13:02 h.O Cineclub Entrecortiñas da Illa estrea o ano cun ciclo dedicado ao cine colombiano, organizado en colaboración coa Embaixada de Colombia en España. As proxeccións serán ás 20 horas no auditorio municipal, con entrada de balde.
Este xoves 9 de xaneiro ábrese o ciclo con Jericó, el infinito vuelo de los días (2016) dirixido por Catalina Mesa. Este filme coproducido entre Francia e Colombia, no umbral entre o documental e a ficción, tece unha serie de retratos íntimos das mulleres de Jericó, Antioquía, revelando a súa vida, espazo interior, humor e sabedoría, nunha narrativa visual e sonora que celebra e preserva o patrimonio inmaterial colombiano. Recibiu, entre outros, o Premio Firmar.
O xoves 16 de xaneiro chega Los Reyes del Mundo (2022) de Laura Mora, que foi galardoado coa Concha de Oro a Mellor Filme no Festival de San Sebastián e destacou nos Premios Macondo 2023, onde gañou seis das sete categorías ás que foi nominado, entre elas Mellor Película e Mellor Dirección.
O 23 de xaneiro, Alis, unha historia de superación que explora a vida de varios mozos a través dun proxecto educativo alternativo, e o 30 de xaneiro péchase o ciclo con El Beat de Carolina de Mar Fernández, unha exploración da vida dun músico e o seu impacto tanto persoal como cultural.