A Deputación anuncia a contratación para este trimestre da obra para dotar as casas modernistas da Illa de enerxía xeotérmica
A ILLA DE AROUSA
O deputado Javier Tourís anunciouno esta mañá nunha visita ao municipio
14 ene 2025 . Actualizado a las 15:26 h.O deputado provincial Javier Tourís garante a contratación das obras para que as casas modernistas da A Illa teñan calefacción por enerxía xeotérmica. Dixoo con motivo da visita que realizou este martes a oficina móbil do programa +Renovables, coa que a Deputación está a descentralizar os servizos que se prestan desde a Oficina de Transformación Comunitaria (emprazada no Viveiro de Empresas de Barro) para implicar os pequenos concellos nos retos da sostibilidade.
O deputado reuniuse co alcalde Luis Arosa tan só uns días despois de que o rexedor socialista protestara a través dos medios de comunicación da demora que acumula a dotación da enerxía renovable nas casas modernistas, o cal obriga ao Concello e á asociación de xubilados e pensionistas a recorrer a radiadores eléctricos para quentar a biblioteca, o centro da terceira idade e a escola de música.
No seu día, a Deputación de Pontevedra anunciou un investimento de 115.000 euros para construir un pozo para a captación da enerxía xeotérmica e unha caldeira, e, segundo Tourís, esta obra estará contratada no primeiro trimestre do 2025.
O deputado aproveitou a reunión co alcalde e coa presidenta da asociación Arousa en Transición para ofrecer un estudo de viabilidade para poñer en marcha medidas de eficiencia e aforro enerxético.
+Renovables é unha iniciativa provincial que responde á aposta pola transición enerxética, a sostibilidade e a transformación do territorio. O programa está dotado de 750.000 euros (con 500.000 euros de fondos europeos), que se mobilizan como resposta á crise enerxética e á necesidade de impulsar unha nova cultura na que a cidadanía teña unha participación efectiva no sistema enerxético e, ademais, repercuta nun aforro económico tanto para familias e empresas.