O PP acusa ao BNG da Illa e O Grove de «incoherencia» respecto á taxa turística

La Voz O GROVE / A ILLA

A ILLA DE AROUSA

Pablo Leiva, portavoz do PP do Grove
Pablo Leiva, portavoz do PP do Grove Martina Miser

Cren que as políticas da esquerda buscan tapar «a súa mala xestión económica»

18 ene 2025 . Actualizado a las 14:15 h.

Os grupos municipais do PP na Illa de Arousa e no Grove van da man á hora de criticar o modelo turístico que defende o BNG, que no caso da Illa goberna o concello en coalición co PSOE. Falan de «importantes contradicións do BNG sobre a posible implantación dunha taxa turística e reclámanlle aos nacionalistas «que se aclaren, posto que apoian a creación deste tributo na Illa e rexéitano no Grove malia as moitas similitudes turísticas de ambos territorios».

«Non pode ser que o que o BNG defende na Illa, que é implantar unha taxa turística e incluso castigar economicamente aos veciños propietarios das vivendas turísticas sen sentido a través da auga, o lixo e o saneamento nun intento de demonizar ao sector, sexa o contrario do que o mesmo Bloque di no Grove, onde se opón a este imposto. Isto demostra a súa absoluta incoherencia, xa que ambos concellos estamos nunha situación moi similar e demostra que o BNG é un partido que só vale para estar na oposición, porque sempre sen opón a todo e só serve para dicir ‘non’ a todo sen criterio ningún», manifestan desde o PP.

A formación pide un debate «sosegado e no que se teña en conta, e moito, a opinión do sector» e indica que unha posible taxa turística «debería reverter exclusivamente en fins que busquen a sostibilidade turística para garantir a prestación dos servizos municipais e para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, que son o máis importante».

No PP consideran que coa implantación da taxa turística, os gobernos da Illa e do Grove buscan vías de financiamento para «tapar a súa mala xestión económica, que ten ás tesourerías municipais do Grove e da Illa completamente afogadas»

«O Goberno galego xa dixo que estaba disposto a analizar cada caso, como sucede en Santiago, onde o BNG aínda mantén outra postura distinta máis, pero que non se percibe unha necesidade xeral de implantar esta taxa de xeito universal. Nós concordamos nisto e non desbotamos que poida haber cambios de escenarios no futuro, pero agora mesmo o sector dos nosos concellos non está pola labor e teñen o noso apoio, sobre todo cando os dous gobernos locais só buscan un afán recadatorio co que prexudicar, en principio, aos centos de veciños que viven e traballo do turismo nos nosos territorios».