Lecturas, teatro, escultura, deporte, libros e a ofrenda floral compoñen o programa deste ano
09 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Os actos do Día das Letras Galegas non se cinguirán ao 17 de maio. A concellería de Cultura de Cambados, que dirixe Víctor Caamaño, programou unha ducia de actividades co gallo desta conmemoración, que xa comezaron nos centros de ensino e rematarán o 17 de xullo.
A exposición bibliográfica Libros coma mazás, composta por unhas corenta obras de Carlos Casares, empezou o seu percorrido por los colexios e institutos, nos que tamén se proxectará o audiovisual Casares, o señor dos libros. Mañá en Exposalnés (20.30 horas), o profesor e escritor Xosé Manuel Millán Otero tomará a palabra para falar sobre Ramón Cabanillas, cantor da Terra Liberada, a conta do centenario Da terra asoballada. Non vai ser a única actividade que Cambados vai celebrar na honra do seu poeta máis insigne. O 15 de maio, a maiores da ofrenda floral e poética que tradicionalmente ten lugar ante a escultura dedicada ao autor no Paseo da Calzada -desta volta o acto pecharase coa interpretación do himno galego-, pola tarde, de 17 a 20 horas, introdúcese outra novidade consistente na lectura pública do texto Da terra asoballada, na que participarán diferentes colectivos de Cambados.
O premio
Ese mesmo día (12.30 horas na Calzada), terá lugar o espectáculo Canta Connosco! de Migallas Teatro; e aínda haberá unha cita máis dedicada ao Poeta da Raza, o día 3 de xuño, no auditorio municipal da Xuventude: a entrega do Premio Ramón Cabanillas, que nesta edición concédeselle ao escritor e catedrático da Universidade de Vigo, Xosé Ramón Pena. O teatro de Cabanillas tamén chegará ao público da man da compañía Teatro no Garaxe, que o día 4 de xuño porá en escena A man da santiña.
Pero antes do vindeiro mes, no presente maio, quedan outras dúas citas por diante. Este xoves, ás 20.30 horas na biblioteca municipal Luís Rei, Miguel Anxo Fernández presentará o seu libro Blues para Moraima, Premio Blanco Amor 2016, nun acto organizado polas librarías Ramón Cabanillas e Contos; ao día seguinte, venres, montarase no paseo da Calzada a exposición de paneis dedicados a Carlos Casares elaborados polos centros de ensino; do 15 ao 19 de maio, o programa Ler conta moito chegará ás casas de cultura das parroquias da man de Eduvía Educación, que presenta o Gran xogo das Letras Galegas; o 17 de maio arrincará cun campionato de natación escolar na piscina do Pombal, seguirá, ao mediodía, coa inauguración dunha exposición de escultura da Escola de Canteiros de Poio no paseo marítimo, e rematará ás 13 horas co Concerto das Letras Galegas a cargo da Banda de Música de Castrelo, no auditorio. A Xuventude tamén acollerán o 2 de xuño a presentación do proxecto audiovisual O himno, por Andrea Pousa, polo centenario da morte de Eduardo Pondal. O día 14 presentarase o libro Floreano, de Gogue e, en data por determinar, farase o propio con Historia de Cambados, de Jacobo Domínguez.